Ordes prepárase para acoller o XVII Campionato Galego de Cetrería
Terá lugar no Mesón do Vento a última fin de semana deste mes
Por terceiro ano consecutivo o concello de Ordes, e máis concretamente a localidade do Mesón do Vento, acollerá un campionato de cetrería. Segundo estimacións da organización máis de medio cento de aves rapaces participarán os vindeiros 26, 27 e 28 de outubro no que será o XVII Campionato Galego de Cetrería.
Quen queira competir deberá solicitar o enlace de inscrición en campeonatos@galegadecetreria.gal. É requisito fundamental estar en posesión da tarxeta federativa en vigor. As cotas son de 50€ e de 55€ (25€ segundas inscricións) para as probas de altanería e baixo voo respectivamente. No caso das pequenas aves a cota é de 40€ (15€ segundas inscricións). Como máximo admitiranse 20 aves por cada categoría seleccionadas por rigorosa orde de inscrición.
O primeiro día o programa arrancará ás 21 horas no Museo do traxe coa estrea do documental ‘Comercio de falcóns nos Emiratos Árabes’, de Adrián González, tras o cal se abrirá un debate e se sortearán as quendas de voo dos participantes do campionato.
O sábado, día 27, a competición iniciarase ás 9 horas. Durante toda a xornada disputaranse as probas de altanería, baixo voo azores, pequenas aves e baixo voo. Para concluír, ás 21 horas celebrarase unha cea de confraternidade entre todos os cetreiros e cetreiras.
O último día, o domingo 28, terá lugar ás 9 horas o inicio dos voos dos finalistas. Xa ás 17 horas entregaranse os trofeos e proclamaranse os novos Cetreiros do Camiño, aos que se lles entregará un diploma e unha insignia exclusiva.
Todas as probas terán lugar no campo de competición que se habilitará na parroquia do Mesón do Vento.
O XVII Campionato Galego de Cetrería está organizado pola Federación Galega de Caza e a Sociedade Galega de Cetrería, e conta coa colaboración do Concello de Ordes, Sociedade Deportiva O Gatillo, Deporte Galego, Galicia Saudable e Mutuasport.