A Biblioteca Ánxel Casal súmase a celebración do Días das Escritoras
A actividade, coordinada por Lisístrata, está dirixida a un público adulto e desenvolverase o luns 15 de outubro ás 19:30 horas no Salón de actos
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal súmase á celebración do Día das Escritoras e acolle, no marco da súa programación de outubro, o recital Palabra de muller no que e baixo o tema Rebeldes e transgresoras leranse textos das escritoras homenaxeadas este ano.
A actividade, coordinada por Lisístrata, está dirixida a un público adulto e desenvolverase o luns 15 de outubro ás 19:30 horas no Salón de actos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Palabra de muller é un percorrido pola obra de mulleres pioneiras, rebeldes, silenciadas, inxustamente tratadas, incomprensiblemente esquecidas ás que queremos honrar con este recital onde varias mulleres representativas da sociedade galega prestarán a súa voz ás escritoras homenaxeadas.
Nesta ocasión, o fío condutor sobre o que xiran os textos seleccionados é a rebelión das mulleres: María de Zayas, Juana Manso, Rosalía de Castro, Rosario de Acuña, Filomena Dato Muruais, Carmen de Burgos, Delmira Agustini, Xela Arias, Victoria Ocampo, Aurora Bertrana, Luísa Villalta, Magda Donato, Sorne Unzueta Lanzeta (Utarsus), Begoña Caamaño, Ángela Figuera Aymerich, María Zambrano, Xohana Torres, Idea Vilariño, Ana María Matute, María Victoria Moreno, Carmen Martín Gaite, Josefina Aldecoa, Sofía Casanova, Alejandra Pizarnik, Esther Tusquets, Hildegart Carballeira, María-Mercé Marcal e Teresa de Jesús son as escritoras homenaxeadas,
A biblioteca súmase así á iniciativa da Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas (CyM) que organizan por terceiro ano consecutivo o Día das Escritoras.
A súa finalidade é difundir o legado cultural das escritoras do ámbito hispánico e hispanoamericano e lembrar as dificultades que, no pasado, impediron tanto o desenvolvemento da súa obra coma o xusto recoñecemento ao seu labor cultural.