Máis de 30.000 pacientes beneficiáronse do sistema de garantías de tempos máximos das listas de espera no SERGAS
Todos os pacientes foron atendidos en centros do Servizo Galego de Saúde
Dende a entrada en vigor o 10 de xaneiro, do Decreto 105/2017 que regula o sistema de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas, un total de 32.648 persoas beneficiáronse deste dereito.
Esta normativa garante uns tempos máximos de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente de dous meses (60 días naturais) para intervencións cirúrxicas. O texto normativo tamén fixa un máximo de 45 días para as primeiras consultas externas e 45 días para as primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas en atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente. Así, dende o 10 de xaneiro e ata finais do mes de setembro, beneficiáronse 8.318 persoas en cirurxía. Nas consultas beneficiáronse 12.495 persoas e 11.871 nas probas diagnósticas e/ou terapéuticas.
Todos os pacientes están sendo atendidos en centros do Servizo Galego de Saúde e non se derivou ningún a centros concertados.
Maior autonomía
O decreto de garantías de tempos máximos reflicte o compromiso do Sergas cos pacientes, xa que se pasou dunha xestión global de tempos de espera por prioridades, para todas as doenzas, a un compromiso individual por patoloxías. A selección destes procedementos realizouse tendo en conta a gravidade das patoloxías, a efectividade e a oportunidade da atención sanitaria e os protocolos de priorización contrastados coas sociedades científicas.
A través do decreto de tempos máximos de espera non só se ampliaron os dereitos dos cidadáns, senón tamén a súa autonomía, ao ofrecerlles información precisa para que poidan tomar as decisións correspondentes ao seu proceso de enfermidade.
O decreto selecciona patoloxías oncolóxicas malignas, valvulopatías, patoloxías vasculares arteriais, patoloxías cerebrais benignas e patoloxías oftalmolóxicas, ata contemplar máis de 100 tipos de patoloxías importantes non urxentes. As medidas aplícanse non só para os novos procesos de enfermidades, senón que teñen un efecto retroactivo polo que tamén se benefician as persoas que, dentro das casuísticas que recolle a norma, estaban xa nas listas de espera do Sergas.