miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Festival de Maxia de Ames chegará o 22 de outubro

O Festival de Maxia de Ames chegará o 22 de outubro
O Festival de Maxia de Ames chegará o 22 de outubro

A principal actividade do XIII Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional, da que se realizarán tres pases

Despois do éxito acadado nas pasadas edicións, chega a Ames o XIII Festival de Maxia de Ames, que esta semana foi presentado na Casa da Cultura do Milladoiro. Ao acto asistiron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o representante de Abarajar Producciones, Javier Polo, e o director artístico e presentador do festival, Daniel Polo. Durante a cerimonia, presentouse a programación do festival, que estará cargado de actividades. 

Así, o concelleiro de Educación e Cultura quixo incidir na consolidación que, ano tras ano, está a experimentar este festival debido ao caloroso acollemento do público. Asemade, quixo facer un chamamento a outros concellos para que se animen a “apostar por esta disciplina artística que, pola súa espectacularidade, pode aportar moito tanto a adultos como ás crianzas”. Dende o Concello estímase que este ano poida incrementarse a participación con respecto a anos anteriores, debido á expectación que nos últimos meses está a despertar o evento entre a poboación.

O presentador da gala, pola súa banda, quixo incidir no matiz internacional do evento, no que participarán profesionais procedentes de distintos puntos do globo e recoñecidos tanto a nivel nacional como internacional, como son a Maga Gisell, o Mago Edgard, Samuel Pons ou David Díaz, entre outros.

Así, do luns 22 de outubro ao venres 26, os centros de ensino de Ames acollerán distintos espectáculos unipersoais de pequeno formato, a cargo dos magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín, durante os que as nenas e nenos poderán gozar de actuacións cargadas de maxia e sorpresas. Ambos artistas repiten tras a súa participación na anterior edición.

O mesmo venres, ás 18.30 horas, o prestixioso mago Luigi Ludus estará na Casa da Cultura de Bertamiráns co seu espectáculo de maxia infantil “Cantando baixo a maxia”, dirixido a nenos/as de ata 12 anos. 

Gala Internacional de Maxia 

A principal actividade do XIII Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional, da que se realizarán tres pases. Esta gala, presentada por Dani Polo, contará coa participación da maga Gisell e os magos Edgard, Darío Proximity, David Díaz e Samuel Pons. 

Así, o sábado, celebraranse dúas funcións da gala na Casa da Cultura de Bertamiráns, a primeira ás 18.30h e a segunda ás 20.30 horas, mentres que o domingo realizarase unha función na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.30 horas. 

Comentarios
Lo más