Ames presenta a súa XIX Carreira Pedestre
Este ano, como novidade, tamén recibirán trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta
A Concellaría de Deportes, xunto cos colaboradores e o embaixador da proba, Pedro Nimo, ven de presentar a organización da décimo novena edición da carreira pedestre do Concello de Ames, que se desenvolverá pola contorna da localidade de Bertamiráns o vindeiro domingo, 21 de outubro, a partir das 10:30 horas. Contarase cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo no pasado ano 2016. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 quilómetros e haberá un total de 18 categorías.
Este ano, como novidade, tamén recibirán trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o mércores 17 de outubro. Na actualidade xa hai 282 persoas inscritas.
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o domingo, 21 de outubro a décimo novena edición da carreira pedestre do Concello de Ames.
Esta proba pertence ao VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. Nesta iniciativa tamén colaboran outras entidades como a Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a cafetería Don Budi, Gadis, Serviplus, Los Angeles Gas, GST Telecomunicacións e Banco Sabadell.
A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como se veu realizando nas dúas últimas edicións, unha vez que se decidiu trasladar a proba desde o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para así facer mais partícipe á veciñanza.
O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro, ademais de estar homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo, obxectivo acadado hai dous anos coa coincidencia da proba do Campionato Galego de 10km. Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Bertamiráns) e ademais colaborará o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames.
O atleta e padriño desta proba deportiva, Pedro Nimo, destacou na presentación a facilidade da ruta, un “circuíto moi plano, cunha volta de cinco quilómetros que se presta moito a correr”, o que, segundo as súas palabras, pode converterse nun incentivo non só para aqueles que queiran optar a un premio, senón tamén para quen se sinta atraído por superar o seu propio récord e obter unha recompensa aos adestramentos do día a día.
Asemade, o director técnico da delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Jesús Silva, expresou o seu agradecemento ao Concello de Ames “pola súa aposta polo atletismo, tanto federado como de base, un aspecto que contribuíu a converter esta carreira “nun referente en Galicia deste binomio, coa homologación de que xa é un dos tres circuítos máis rápidos da comunidade, apto tamén para os cativos”. Con referencia a esta afirmación, salientou que a pedestre de Ames se contra entre as dez probas que convocan a maior número de atletas profesionais de Galicia.
Pola súa parte, o presidente do club de atletismo Sar, Fernando Saíz, quixo recordar os comezos da carreira pedestre de Ames, que el axudou a promover e que, ao logo dos anos foi crecendo ata converterse no que é hoxe, unha proba na que o ano pasado participaron máis de 1300 persoas, das que 800 foron rapaces e rapazas.
O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou que “este ano mantense o circuíto de 10 quilómetros, empregado nas dúas últimas edicións, e que tan boas opinións tivo entre os/as atletas. A saída e chegada estarán instaladas na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da praza do Concello e trátase dun circuíto cun trazado moi chan e que combina natureza polo rural e zonas urbanas".
Ademais tamén destácase o carácter festivo da proba na que centos de rapaces e rapazas participarán ao longo das 18 categorías de idades. "O Domingo 21 queremos que todo o mundo saia á rúa a facer deporte sen importar a idade e gocen deste evento que está próximo a alcanzar os 20 anos de existencia", afirma o Miñones. O circuíto dispón dunha lonxitude de 5 quilómetros, polo que haberá que completar dúas voltas excepto os participantes de categoría xuvenil que darán unha volta.
O presidente do club Millaraio, José David García Arcos, adiantou que este ano se fará un caixón co obxectivo de facilitarlle aos máis cativos o acceso á carreira, evitando que na saída se mesturen participantes, familiares e nenos e nenas, que é o que sole converter o comezo da carreira nun dos puntos máis conflitivos.
Por último, o responsable da firma Emesports, Ezequiel Mosquera, incidiu no traballo realizado dende o Concello para organizar “unha carreira de tan elevada participación, en especial escolar”, o que converte “o concello de Ames nun dos mellores exemplo a nivel galego do que é a carreira en familia, coa participación de moito público, moitos pais e nais animando aos rapaces e moitos nenos/as participando”, o que se traduce “nun nivel moi alto de participación xa que pasa dos 1000 participantes, unha cifra só accesible a grandes probas de grandes cidades”.