miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Comeza o proceso previo de mediación como alternativa a execución do derribo do edificio Conde de Fenosa

Comeza o proceso previo de mediación como alternativa a execución do derribo do edificio Conde de Fenosa
Comeza o proceso previo de mediación como alternativa a execución do derribo do edificio Conde de Fenosa

O encontro celebrouse tras a providencia emitida o pasado martes polo alto tribunal galego na que acordou derivar a mediación o preito sobre as irregularidades na reforma do inmoble

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acolleu hoxe a sesión informativa previa ao comezo da mediación como alternativa á execución da sentenza que ordena a derriba do edificio Conde de Fenosa, ubicado na Coruña. As partes implicadas no procedemento -o demandante, o Concello e os representantes da comunidade de propietarios do inmoble- mostráronse, en principio, favorables a iniciar esta vía. 

O encontro celebrouse tras a providencia emitida o pasado martes polo alto tribunal galego na que acordou derivar a mediación o preito sobre as irregularidades na reforma do inmoble, o que implicou a suspensión do curso do proceso xudicial por un prazo non superior a 60 días.

O TSXG, tal e como consta na providencia, estimou “factible” a proposta da asesoría xurídica do Concello na que instou a “valorar a pertinencia da mediación no marco da presente execución de sentenza”. O TSXG decretou a demolición do edificio nun fallo emitido en 2001 que foi ratificado polo Tribunal Supremo en xuño de 2006.

Na sesión informativa de hoxe o Concello reiterou a súa aposta pola mediación, unha alternativa coa que tamén se mostrou conforme o demandante. A letrada que representa os intereses da comunidade de propietarios indicou que en principio non hai inconveniente á mediación, aínda que advertiu que é necesario que os donos dos pisos se manifesten de forma explícita e conxunta sobre a proposta.

A maxistrada que dirixiu o encontro insistiu en que é a única alternativa á execución da sentenza de derriba do edificio, á vez que subliñou que o que se pretende é “a intervención de profesionais especializados, partindo sempre da voluntariedade das partes, que poden ofrecer unha solución pactada ao problema existente”.

O mediador debe ser acordado polos implicados, quen coincidiron en demandar a unha persoa “de recoñecido prestixio” e con experiencia neste campo. A actividade mediadora, tal e como lembrou a maxistrada na sesión informativa, terá por obxecto “a prestación dunha función de auxilio ou apoio á negociación entre as partes, concretándose, no seu caso, na facultade da persoa mediadora de propoñer solucións, a aceptar ou non libremente polos suxeitos en conflito”. 

Ademais, recalcou que as actuacións derivadas do procedemento mediador estarán presididas “polos principios de voluntariedade e rogación, desenvolvéndose conforme aos principios de antiformalismo, flexibilidade, inmediatez, confidencialidade e segredo”.

Comentarios
Lo más