O nigranés Francisco Fernández Davila gaña o XVII Certame Literario de Relato de Aventuras “Antón Avilés de Taramancos”
O xurado valorou que “Alana”, unha novela ambientada na época castrexa, “non trata tanto da loita contra os invasores romanos como da busca da identidade como galega” da súa protagonista
Francisco Fernández Davila (Nigrán, 1974) é o gañador da decimosétima edición do Certame Literario de Relato de Aventuras “Antón Avilés de Taramancos”, organizado polo Concello de Noia e que foi entregado esta mañá no transcurso dun acto desenvolto no salón de plenos municipal.
Un premio dotado cunha dotación económica de 3.000 euros, unha escultura conmemorativa realizada polo artista local Alfonso Costa e a publicación da obra por parte da editorial Toxosoutos, que entregou os primeiros exemplares entre as persoas asistentes.
Un acto presidido polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, quen felicitou a Francisco Fernández, a quen desexou que “este sexa o inicio dunha prolífica traxectoria literaria”. Freire Abeijón apuntou que “esta dezasete edición do premio Avilés de Taramancos, que está a piques de cumprir a súa maioría de idade, ten curiosamente a mesma idade que a protagonista da obra gañadora, Alana, e tamén se ve que é un número que lle dá sorte a Francisco, pois gañou o XVII Certame de Novela por Entregas de La Voz de Galicia”. Así mesmo, explicoulle que a figura entregada “é unha nao que simboliza esa nave de aventuras que é este premio Avilés de Taramancos e que agardamos que siga sendo unha referencia cultural nos próximos anos. Longa vida a este certame”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, José Pérez, salientou que “foi unha edición especial para o Concello de Noia, pois coincidía co 850 aniversario da fundación da vila” e destacou “a importancia que ten xa este premio a nivel galego, aínda que me gustaría recordar tamén que dous noieses como Xosé Agrelo e Ramón Carredano tamén gañaron este certame”.
Alana
Francisco Fernández Davila é un enxeñeiro e MBA en Responsabilidade Soicial Corporativa que leva case vinte anos traballando no mundo do frío industrial. O seu particular estilo fai que a súa prosa estea inzada de imaxes poéticas que utiliza a modo de améndoas na elaboración do seu relato.
Finalista dúas veces no Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar, gañou entre outros o V Concurso Microcatrorelato de Vigo e foi distinguido no IV Certame de Relatos Vigo Histórico e no XIV Concurso “Dillo a quen maltrata” do Concello de Lalín. En 2017 gañou o XVII Certame de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, que derivou na publicación da súa primeira novela coa Editorial Galaxia: “A senda de sal”. En 2018 gañou o Premio de Relato Curto e Primeiro Accésit de Poesía da Universidade de Vigo.
“Alana” conta a historia dunha moza de 17 anos que vive no castro do Trega, nun mundo cambiante que lle debe respostas. Glenda é a antiga xefa dos Brigantes, que abandona Irlanda na busca da súa filla perdida. Entre ambas: o mar, o mar dos celtas que a República de Roma trata de incorporar ao seu imperio. Bretaña, O Pindo e a costa sur de Galicia son escenarios da novela, un relato dunha personaxe feminina nunha arriscada ambientación castrexa, pouco frecuente na literatura galega.