Culturmar celebrou nun acto os seus 25 anos de vida
A declaración da carpintería de ribeira como Ben de Interese Cultural é un dos principais retos, que contribuirá a revitalizar o bo facer duns artesáns cada vez máis escasos
Culturmar clausurou este sábado as celebracións do seu 25 aniversario cun emotivo acto que serviu para botar a vista atrás, lembrar e analizar o camiño andado dende o primeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, celebrado en Ribeira no 1993. Pero tamén para ollar cara ao futuro e poñer sobre a mesa os retos e necesidades pendentes de afrontar.
O proxecto “Mar de velas”, que quere poñer en marcha unha rede de mariñas tradicionais que faga dos portos galegos museos flotantes nos que dar a coñecer de xeito activo as distintas tipoloxías de embarcacións tradicionais galegas; e a declaración da esmorecente carpintería de ribeira como Ben de Interese Cultural; son os principais obxectivos que deixan sobre a mesa as xornadas e o acto conmemorativo celebrado no Museo do Pobo Galego con motivo destes “25 anos na salvagarda”.
Membros dos case medio cento de colectivos que hoxe integran Culturmar déronse cita no auditorio do Museo do Pobo Galego para analizar o feito nun cuarto de século no que o movemento pola defensa do patrimonio marítimo e fluvial de Galicia foi quen de medrar, con esforzo e dedicación, ata dar forma a unha vasta flota tradicional integrada por arredor de 300 embarcacións recuperadas e, o máis importante: en uso. Así o destacou o presidente de Culturmar, Manuel García Sendón; que tamén tivo palabras de agradecemento para os colectivos e institucións involucradas na recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo e fluvial galego.
A conmemoración serviu para poñer o foco na necesidade de seguir avanzando, da man da administración, na salvagarda, posta en valor e divulgación do patrimonio marítimo e fluvial e da carpintería de ribeira. En relación con iso, a directora xeral de Patrimonio Cultural destacou na súa intervención o “patrimonio singular e propio da nosa terra, que se materializa en botes, bucetas, dornas, galeóns... mostra de todos os coñecementos técnicos e do bo facer dos mestres carpinteiros de ribeira”.
Mª Carmen Martínez fixo referencia á declaración de Ben de Interese Cultural incoada sobre o recoñecemento da técnica constructiva e o patrimino inmaterial das carpinterías de ribeira; “un recoñecemento do seu valor e da súa importancia na conformación da identidade galega” sen o cal a profesión semella condeada á extinción. E que a directora xeral se comprometeu a seguir potenciando. E é que, tal e como quedou de relevo nas palestras celebradas ao longo de toda a mañá, a carpintería de ribeira precisa dunha especial atención, pois atópase nun momento moi delicado e apenas conta a día de hoxe con persoas que recollan e poñan en práctica o saber destes artesáns.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro tampouco pasou por alto a importancia desa declaración. “Estes 25 anos van ser o inicio, e o verdadeiro traballo vai comezar a partir dese recoñecemento da carpintería de ribeira no que se está a traballar dende a Dirección Xeral de Patrimonio”, indicou Susana Rodríguez, que puxo en valor ás arredor de 300 embarcacións de 20 tipoloxías diferentes que Culturmar conseguiu poñer a navegar no último cuarto de século. En relación con iso, a directora xeral destacou o acerto da exposición “Lenzos mariños no Obradoiro” incluída na progración dos “25 anos na Salvagarda”. Mostra moi visitada e retratada ao longo da última semana, e que sen dúbida contribuirá a divulgar a riqueza da tradición marítima e fluvial galega no eido internacional.
A directora xeral tamén fixo referencia ao proxecto “Mar de Velas” que constitúe sen dúbida un dos principais retos de futuro de Culturmar. “As Mariñas Tradicionais van ser o museo vivo e flotante dos nosos pobos, e penso que van ter un futuro marabilloso”, indicou. Este é, de facto, un dos proxectos que centran os esforzos a medio prazo do movemembro na defensa da cultura marítima tradicional. Unha rede de mariñas tradicionais que se sinta como algo homoxéneo, identificable e visible que contribúa a dar a coñecer este patrimonio e aporte, ademais, unhas instalacións dignas das que hoxe se carece.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, María Goretti San Martín, destacou o papel de Culturmar, a súa paixón e a capacidade de traballar para converter a Galicia nun referente internacional no que ao patrimonio marítimo e fluvial respecta. “Existe un esforzo moi potente realizado por Culturmar, e ogallá consigades enrolar aínda máis xente para que dornas e gamelas continúen en activo e sexan algo vivo e con futuro do que presumir”.
Na mesma liña se expresou o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, que tamén loubou o camiño andado e o patrimonio vivo, material e inmaterial, co que a Comunidade galega conta a día de hoxe. Xosé Leal fixo un chamamento para seguir traballando pola posta en valor da flota, as tradicións e a cultura ligadas ao mar e aos cauces fluviais de Galicia, e parabenizou o esforzo dos membros de Culturmar nese senso. “Estades demostrando que as sinerxias que poden xerarse entre o tecido asociativo e a administración poden chegar a bo porto”, indicou.
O director do Museo do Pobo Galego, pola súa banda, puxo en valor a senda conxunta e todo o traballo en común realizado con Culturmar nos últimos anos. As celebracións remataron cuns petiscos servidos no mesmo museo, cortesía de Galicia Calidade.