miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Noia abre o prazo de inscrición na Escola Municipal de Pais e Nais

Noia abre o prazo de inscrición na Escola Municipal de Pais e Nais
Noia abre o prazo de inscrición na Escola Municipal de Pais e Nais

Convocaranse tres grupos: menores de 12 anos, adolescentes e un grupo avanzado para as familias que participaron na edición anterior

O Concello de Noia abre o prazo de inscrición na Escola Municipal de Pais e Nais, que comezará a funcionar en canto se conforme un grupo mínimo de 15 familias e que se desenvolverá ata o vindeiro mes de abril. Unha actividade de carácter gratuíto e organizada pola Concellería de Educación “que pretende crear un espazo de reflexión sobre a vida cotiá a nivel familiar, un lugar onde as familias de Noia poidan resolver dúbidas e compartir experiencias sobre a educación dos seus nenos e nenas”, explica a concelleira de Ensino, Ángela Neri.

Unha formación que será impartida un ano máis pola psicóloga Rocío García Castro, quen anima ás familias de Noia a participar “xa que se ofrece a posibilidade de reflexionar sobre certos temas educativos con outras persoas que teñen as súas mesmas inquietudes”. Serán un total de catorce reunións, semanais ou quincenais, e cunha duración de hora e media nun horario a convir polos pais e nais que asistan.

Tres grupos

O Concello de Noia convoca os dous grupos de idade do ano pasado, familias con menores de 12 anos e familias con adolescentes (entre 12 e 16 anos), así como un terceiro grupo avanzado para as trinta familias que remataron con éxito o curso 2017-2108. As clases comezarán en canto se xunte un grupo de 15 familias e as clases desenvolveranse ata abril de 2019. Ángela Neri indica que “decidimos ofrecer a posibilidade de ampliar o número de grupos despois de ver que o curso do ano pasado foi moi útil e ben aproveitado, xa que serviu de axuda para tratar temas importantes para a educación dos fillos e fillas”.

Os temas a tratar no grupo de 0 a 12 anos serán: o grupo familiar no contexto sociocultural; vínculo, comunicación e aprendizaxe; contradicións e conflitos: dobre mensaxe e círculo vicioso; e roles, espazos e límites: exercicio da autoridade. No caso do grupo de adolescentes, as temáticas a desenvolver serán: a temible adolescencia; actitudes e sentimentos; a comunicación a escena; o conflito; e a clave do éxito.

“En cada tema realizarase unha breve exposición pola miña parte e logo dinámicas en pequenos grupos para finalizar cunha posta en común do tema tratado. Rematando cun documento síntese que recolle o máis importante”, explica Rocío García, quen lembra que “o ano pasado foi un curso moi intenso, especialmente no grupo de adolescente, entrando en profundidade en temas como as drogas ou a sexualidade”.

Comentarios
Lo más