Amosan o rexeitamento contra o crematorio de Lousame
A rexedora impidiulle á concelleira do Partido da Terra exercer o turno de réplica, procedéndose directamente á votación que foi rechazada cos 9 votos do PP e PSOE e cos votos a favor do Partido da Terra
A crispación polo proxecto de instalación dun forno crematorio no centro de Porto Bravo, capital do municipio de Lousame, sentiuse a flor de pel no pleno de onte. Nunha sala de plenos con importante presenza veciñal, a moción de urxencia contra o forno crematorio foi o punto máis tenso da orde do día. Lucía Cao, concelleira do Partido da Terra de Lousame, pretendía que o pleno rexeitase de forma unánime o proxecto.
A Alcaldesa Teresa Villaverde saiu ao paso indicando que a día de hoxe non hai ningún proxecto presentado e que por iso o grupo do Partido Popular votaría en contra da moción. O portavoz do PSOE, Julio Paradela, posiciounse da mesma forma do que o PP, votando en contra. A rexedora impidiulle á concelleira do Partido da Terra exercer o turno de réplica, procedéndose directamente á votación que foi rechazada cos 9 votos do PP e PSOE e cos votos a favor do Partido da Terra.
Fai escasas semanas a veciñanza de Porto Bravo quedaba estupefacta ao ver que no edificio do actual tanatorio se instalaban uns grandes rótulos coa palabra “Crematorio”, sen que tal proxecto se sometera previamente á participación pública. O rótulo durou escasos días, retirándose de forma apresurada por parte da empresa así que as veciñas e veciños comenzaron a achegarse ao consistorio para requerir explicacións á Alcaldesa. Ante o silencio do goberno de Teresa Villaverde, o pleno deste venres foi a primeira oportunidade de deixar clara a oposición veciñal.
O forno crematorio pretende instalarse a apenas 30 metros dun centro de día público para persoas maiores, a 40 metros do centro de saúde, a 65 metros da casa do concello, a 90 metros da casa da cultura e a menos de 100 metros do parque infantil e das vivendas máis próximas, cando a práctica totalidade de concellos obrigan a que esta actividade industrial, que ten a consideración legal de contaminante, molesta e insalubre, se instale en polígonos industriais. As sentenzas dictadas en casos similares marcan distancias de un mínimo de 500 metros ata as vivendas.
Á vista do rexeitamento á moción, desde o Partido da Terra repróchase a "falta de empatía do goberno coa veciñanza ao non dar un paso adiante para manifestar o compromiso do pleno con que non se aceptarán este tipo de proxectos". A pesar do rexeitamento á moción, desde o Partido da Terra de Lousame iniciaranse os preparativos para impugnar calquera eventual resolución favorable que poida producirse.
Fondos europeos para a “mellora da calidade de vida”
O tanatorio de Lousame abriu as súas portas en decembro de 2013 grazas a unha subvención de 250.000 euros de fondos europeos LEADER concedidos á funeraria Lucía-Ayón. O negocio non tardou nin cinco anos en cambiar de man, sendo adquirido en 2018 por Pompas Fúnebres, empresa que agora pretende instalar no mesmo local un forno crematorio.
De tramitarse o proxecto o Partido da Terra de Lousame adiantou que levará a cuestión ante o Parlamento Europeo, unha vez que consideran incompatible utilizar instalacións financiadas cunha liña de axudas supostamente destinada a mellorar a “calidade de vida no medio rural” para un proxecto nocivo e insalubre, que deteriorará significativamente a calidade de vida da poboación.