O BNG de Ribeira aposta por una residencia pública na parcela de Hesta Kurva
Para o BNG estas infraestruturas deben ser consideradas un servizo social básico, tendo en conta ademais que Galicia está por debaixo da media
Desde o Bloque, lembran como o Consello da Xunta anunciaba, en febreiro de 2017, a construción de sete residencias nas grandes cidades esquecéndose do rural pero 19 meses despois “non hai nin un contrato asinado, nin un ladrillo posto. Ribeira pode cederlle Hesta Kurva para que se faga unha residencia pública” segundo argumentou Xosé Vázquez Cobas.
O grupo nacionalista criticou a “incompetencia do PP” ante un problema de tanta transcendencia social “que non se soluciona con propaganda en forma de anuncios tras o consello da Xunta que se quedan nun titular pero sen que haxa nada detrás”. Agora vemos que a conselleira de Política Social chega a Ribeira para facer propaganda nunha residencia privada.
Para o BNG estas infraestruturas deben ser consideradas un servizo social básico, tendo en conta ademais que Galicia está por debaixo da media. De feito, a OMS recomenda 5 prazas por cada cen maiores e Galiza só conta conta con 3,1 por cada 100 maiores, un déficit de prazas que ronda o 40%. Igualmente, un recente informe do Consello de Contas denunciaba que para acceder a unha residencia as persoas maiores deben esperar dous anos, cando a lei marca nove meses. “Estamos ante un Goberno incompetente e incapaz, que non ten proxectos nin capacidade de xestión”.
Desde o BNG critican a incapacidade na xestión e a continua improvisación de Ruiz Rivas para o edificio de Hesta Kurva, pois propuxo tres usos diferentes sen materializar ningún. Cobas concluíu “o goberno de Ruiz Rivas está esgotado e falto de ideas, o Bloque opoñerase a que se lle regale ao sector privado Hesta Kurva que valeu 100.000€ públicos para convertelo nunha residencia privada. Nós apostamos por unha residencia pública 100% e así o trasladaremos ao Concello de Ribeira e ao Parlamento Galego”.