O BNG afirma que Feijóo está esgotado na metada da lexislatura
BNG pide que compareza o conselleiro de sanidade e unha auditoría do concerto “multimillonario” con Povisa
Ante a celebración do Debate sobre o Estado da Nación que se celebrará proximamente no Parlamento galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón fixo balanzo da xestión de goberno do presidente da Xunta no ecuador da lexislatura que definiu como “esgotado, aburrido e sen proxecto para Galicia”.
Para a nacionalista, Feijóo é “un gran propagandista pero un pésimo presidente” e chega ao ecuador do mandato con “parálise, desganado, aburrido e sen iniciativa”. Foi incapaz de mellorar as condicións de vida das maiorías sociais e conduciu a Galicia “á irrelevancia política”.
Pontón explicou que Feijóo usou a crise como escusa para tapar a súa desfeita, pero agora que supostamente rematou a crise, vemos a un “presidente incapaz de ver máis alá do seu nariz e asumir o fracaso en emprego e dereitos”. Hoxe, dixo, temos unha o Galicia con máis desigualdade, máis paro, máis precariedade, unha Galicia cos servizos públicos deteriorados e cunha débeda disparada e triplicada en 10 anos até situala no seu máximo histórico. “Hoxe todos os galegos e galegas debemos 14.505 millóns de euros e cando chegou á Presidencia eran 3.923 M€.”
FEIJÓO PRESUME DE ESTABILIDADE POLÍTICA MENTRES A METADE DOS GALEGOS NON CHEGAN A FIN DE MES
A portavoz do BNG afirmou que Feijóo presume de “estabilidade política” cando a metade dos galegos e galegas non chegan a fin de mes. A billa do crédito segue pechada, 175.000 persoas están en paro, 2 de cada 10 galegos están en risco de pobreza, nunha década emigraron case 270.000 e máis de 100.000 galegos e galegos non poden pagar os seu medicamentos.
É unha falta de respecto que Feijóo presuma de estabilidade, cando arrastrou a Galicia os últimos postos en termos de recuperación de emprego, cando hai 151.600 mozas e mozos menos ocupados ou cando as mulleres galegas cobran de media 5.480 euros menos por facer o mesmo traballo que os homes, “a fenda salarial medrou 4 veces máis na Galicia que no estado”.
Feijóo tampouco conseguiu máis recursos para Galicia, “nin antes con Raxoi, nin agora con Sánchez”. Mentres outros foron capaces de conseguir investimentos multimillonarios como fixeron os vascos, cataláns e canarios. “En materia de financiamento tivemos cero avances” ao igual que no ámbito do autogoberno, “cero competencias” e deixa o Estatuto “dinamitado”. En materia lingüística o retroceso é claro, unha porcentaxe de galegofalantes por debaixo do 50% e unha caída de 20 puntos como lingua inicial.
Pontón tamén acusou ao PP e ao titular da Xunta de “secuestrar” os medios de comunicación e situarse fora da legalidade a respecto da radio e televisión galegas incumprindo a lei que as regula.
Feijóo mentiu a todos os galegos e galegas, dixo que os recortes eran a mellor condición para enfrontar a crise, pero “mentiunos”, porque o certo é que “mentres no Estado aumenta a poboación, en Galicia cada vez somos menos; mentres outros territorios incrementaron investimentos en I+D+i en Galicia estamos á cola; mentres outros gobernos preferiron manter o investimento público. “Feijóo foi o campión dos recortes, privatizando e deteriorando a educación e a sanidade públicas.”
O BNG PIDE UNHA ADITORÍA EN POVISA E QUE COMPAREZA AO CONSELLEIRO DE SANIDADE
A situación de Povisa, afirmou a portavoz nacional do BNG “é responsabilidade da Xunta e do Partido popular” que apostou por una área sanitaria en Vigo “para seguir mantendo un concerto multimillonario con Povisa”.
A nacionalista insistiu en que é o responsable da situación é o Partido popular polo que o BNG, xunto co resto de forzas da oposición solicitará a comparecencia do conselleiro de sanidade e unha auditoría do concerto multimillonario con Povisa. Para o PP, engadiu, “son máis importantes as portas xiratorias e os intereses privados que defender a sanidade e o dereito á saúde das persoas”.
Sobre o concerto con Povisa explicou que é un dos máis elevados de todo o Estado español e a empresa “chantaxea” a Galicia utilizando como “reféns aos doentes” e traballadores. Este grupo empresarial duplicou en 2017 os seus beneficios e o dono de Povisa é un dos máis ricos do Estado español.
Pontón concluíu a súa intervención apelando a necesidade de contar cun sistema sanitario público galego, xestionada dende o público e utilizando ao máximo todas as potencialidades así como reducir os concertos con Povisa.