miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Os arquitectos unen forzas para evitar a destrución do hábitat e do patrimonio no Día Mundial da Arquitectura

Os arquitectos unen forzas para evitar a destrución do hábitat e do patrimonio no Día Mundial da Arquitectura
Os arquitectos unen forzas para evitar a destrución do hábitat e do patrimonio no Día Mundial da Arquitectura

Os arquitectos de Santiago visitarán o luns o Pazo de Ramirás, tamén coñecido como Colexio dos Irlandeses, edificio especialmente descoñecido e de gran valor histórico

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebra o hoxe, 1 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema "Arquitectura ... para un mundo mellor”, de acordo á convocatoria anual –que coincide co Día Mundial do Hábitat das Nacións Unidas– da Unión Internacional de Arquitectos (UIA). O Día Mundial da Arquitectura ten por obxecto chamar a atención de profesionais e público en xeral sobre cuestións relativas á mellora nas cidades e a vivenda.

Segundo a declaración da UIA, a arquitectura pode axudar ao planeta a enfrontar dous dos seus problemas máis graves: a degradación ambiental e necesidades humanas cada vez maiores. Os arquitectos poden axudar a reverter os patróns que destrúen o patrimonio, degradar o hábitat, desperdiciar recursos e perpetuar os desequilibrios sociais. 

Ademais, subliña que a arquitectura pode mellorar o mundo, para todas as persoas, e a través do deseño pódese axudar a deter a destrución de paisaxes naturais e valiosas terras agrícolas, e a cumprir coa asombrosa escala global da necesidade humana, gran parte dela concentrada nas cidades máis grandes.

Os arquitectos do mundo, que actualmente suman uns 3,2 millóns, comparten o compromiso de proporcionar servizos básicos para todas as persoas, facer as nosas cidades máis limpas e máis fortes, axudar á xente necesitada, e para proporcionar espazos públicos máis seguros e accesibles para todos. 

Seguindo esta pauta, as delegacións do Colexio de Arquitectos de Galicia compartirán no Día Mundial da Arquitectura e ao longo de toda a semana as súas vontades e capacidades para procurar un mundo mellor a través da arquitectura.

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia organizará no Día Mundial da Arquitectura, hoxe luns, día 1, unha visita guiada ao Pazo de Ramirás (antigo Colexio dos Irlandeses), situado na rúa Nova número 44 de Santiago, ás 12:00 hora. Na visita explicaranse as características do edificio e das épocas na que foi construído e polas que foi modificando o seu uso.

Nun momento no que as cidades históricas se centran na súa actualización tecnolóxica, a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos quere reivindicar a capacidade dos edificios históricos para facer fronte aos verdadeiros desafíos da arquitectura doméstica.

Así, neste día os arquitectos invitan a participar na visita a un edificio especialmente descoñecido e de gran valor histórico: o Colexio dos Irlandeses ou tamén coñecido como Pazo de Ramirás.

Este inmoble só tivo pretensións de palacio durante un breve período de tempo, entre o Marqués de Casa Pardiñas e o Conde de Ramirás, xa que foi creado a principios do século XVII como colexio-residencia para expatriados irlandeses e chegou aos nosos días como vivenda dunha familia da alta burguesía industrial da cidade que soubo identificar os valores nos que reside a verdadeira calidade de vida, materializados de forma excepcional na cidade histórica de Santiago.

Así, no edificio non se aprecia desbaratamento nin ostentación, senón unha rechamante discreción. Os seus únicos luxos, unha vez que se superan os escudos heráldicos da fachada e a gran escalinata central, son o contorno urbano, as vistas desde o seu interior e a sabedoría para organizar a vivenda que distingue á gran arquitectura.

“A visita é unha oportunidade realmente única de realizar unha pequena viaxe no tempo, accedendo a unha vivenda doutra época, que chegou inesperadamente ata os nosos días conxelada no estado que tiña fai décadas” –sinala a secretaria da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Susana Rodríguez–. Ademais, explica que o edificio incorporouse ao programa de visitas da Semana do Patrimonio Invisible, organizado polo Concello de Santiago, quedando moitos interesados sen poder coñecelo debido ao alto número de solicitudes. 

Por este motivo, a delegación colexial decidiu realizar esta visita, para a que agradece as facilidades dadas polos propietarios do inmoble para a súa realización.

Comentarios
Lo más