Convocan unha manifestación de pensionistas en Compostela
Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, ambos os dous sindicatos esixen a revalorización das prestacións para combater o empobrecemento dos pensionistas
Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, os sindicatos CCOO e UGT convocan concentracións en todo o Estado. En Santiago terá lugar o martes, día 2 de outubro. Con esta acción, ambos os dous sindicatos denuncian que as medidas adoptadas para combater a crise só serviron para empobrecer a amplos sectores da poboación, especialmente as persoas de máis idade.
Desde UGT e CCOO lembran que o colectivo de persoas maiores é "moi vulnerable" a políticas de recortes, e máis cando progresivamente se converten no principal sostén das seguintes xeracións. Hoxe en día, as pensións supoñen a principal fonte de ingresos da cuarta parte dos fogares.
Malia que a revalorización das pensións vén recollida no artigo 50 da Constitución como un principio reitor da política económica, o certo é que a única fórmula de revalorización automática que garantía por lei o mantemento do poder adquisitivo das pensións foi a nacida do Acordo de Pensións de 1996, ligada daquela á inflación, e que estivo vixente ata a "reforma unilateral" imposta polo Goberno do PP en 2013.
Na cidade a concentración será ás 12:00 horas do 2 de outubro na Praza do Toural.