'Cultura no Camiño' convértese nun ano máis en éxito de espectadores
Nesta sexta edición mantívose o obxectivo de enriquecer e descentralizar a oferta cultural, así como dinamizar a contratación de espectáculos galegos con compañías escénicas e grupos de música profesionais
Máis de 90.000 espectadores e 340 actuacións escénicas e musicais en 103 concellos de Galicia é o primeiro balance do ciclo Cultura no Camiño, que arrancou o pasado mes de abril e que pecha hoxe a súa programación cun concerto do grupo Treixadura, en Valga, ao que asistirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.
Esta iniciativa, que vai xa pola súa sexta edición, está promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, e volveu contar, ademais, co patrocinio de Gadis.
MÁIS DE 140 COMPAÑÍAS EN CARTEL
Esta sexta edición do ciclo mantivo como obxectivo enriquecer e descentralizar a oferta cultural galega, así como dinamizar a contratación dos espectáculos de teatro, música, maxia, novo circo e danza producidos en Galicia de xeito profesional.
De feito, este ano foron 142 as formacións artísticas en cartel, cifra moi superior á das 56 compañías coas que esta iniciativa se puxo en marcha en 2013.
A programación desenvolveuse nos meses centrais do ano para coincidir co período de maior auxe das peregrinacións e, deste xeito, contribuír tamén a enriquecer o programa turístico dos concellos participantes.
Para conseguilo, Cultura no Camiño contou en 2018 cun investimento de 570.600 euros, asumido pola Xunta de Galicia e mais os concellos participantes, que costean parte dos cachés artísticos.