miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Preséntanse as traducións ao galego de dúas obras de Gibran Khalil Gibran

Preséntanse as traducións ao galego de dúas obras de Gibran Khalil Gibran
Preséntanse as traducións ao galego de dúas obras de Gibran Khalil Gibran

Valentín García participou este serán na presentación do volume que recolle O profeta e O xardín do profeta, do autor libanés máis universal

A Capela Real do Hostal dos Reis Católicos acolleu hoxe ao serán a presentación do volume que recolle, traducidos ao galego, O profeta e O xardín do profeta, do autor libanés Gibran Khalil Gibran. A publicación é o resultado da colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Fundación Araguaney e Teófilo Edicións.

O secretario xeral de Política Lingüística indicou durante o acto que “non podía haber data máis acaída ca esta, o Día Europeo das Linguas, para presentar a primeira tradución ao idioma propio de Galicia d’O profeta e O xardín do profeta, dúas das obras máis relevantes e exitosas da literatura universal contemporánea, nunha edición tan coidada e tan atractiva coma a propia poesía de Khalil Gibran que contén”.

Acompañaron a Valentín García na presentación do volume Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente de honor da Fundación Araguaney, e José Luis Teófilo, editor do volume e director de Teófilo Edicións.

Gibran Khalil Gibran

Gibran Khalil Gibran é un dos grandes escritores árabes do tránsito entre o século XIX e o primeiro terzo do XX. Nacido no Líbano, pero medrado en Estados Unidos, alcanzou fama mundial pola súa escrita fortemente espiritual, que supón unha síntese entre as crenzas e culturas de Oriente e de Occidente.

Nas súas obras O profeta e O xardín do profeta reúne unha serie de prosas breves e impregnadas de lirismo, nas que condensa toda a súa filosofía arredor das grandes cuestións para o ser humano: o amor, o casamento, a descendencia, a ledicia e a dor, a liberdade, a razón e a paixón, a morte, o coñecemento e as ensinanzas, a amizade, o tempo, a bondade e a maldade, a oración, o pracer, a beleza ou a fe.

O grande éxito da obra de Gibran Khalil Gibran fixo que algúns dos seus libros se traducisen a ducias de idiomas e influísen en creadores e movementos culturais fundamentais do pasado século. Aparecen agora por vez primeira vertidos ao galego O profeta e mais O xardín do profeta, dous dos seus títulos capitais, que se ofrecen nunha moi coidada edición publicada por Teófilo Edicións coa participación da Xunta de Galicia e que inclúe un prólogo do secretario xeral de Política Língüística, Valentín García Gómez .

Comentarios
Lo más