miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

BNG e PP piden que o Goberno de Pedro Sánchez actúe con "coherencia" na transferencia da AP-9

BNG e PP piden que o Goberno de Pedro Sánchez actúe con "coherencia" na transferencia da AP-9
BNG e PP piden que o Goberno de Pedro Sánchez actúe con "coherencia" na transferencia da AP-9

Pedro Puy referiuse “á boa vontade” do Goberno de España levantando o veto á tramitación da proposición de lei

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou onte que, unha vez que o Goberno central amosou a súa “boa vontade” levantando o veto á transferencia da AP-9 á Comunidade galega, “existen mecanismos que permiten que o Estado e a Xunta comecen a facer negociacións, que despois podan ter reflexo nas emendas que os grupos parlamentarios no Congreso presenten á proposición de lei remitida polo Parlamento galego”.

Puy explicou que as proposicións de lei remitidas polos parlamentos autonómicos ao Congreso “están abertas a modificacións a través de emendas” dos grupos parlamentarios na Cámara Baixa. 

Deste xeito, salientou a importancia de que se tramite a proposición de lei, pero, “con independencia do seu contido final, debería existir un acordo de transferencia entre a Xunta e a Administración Xeral do Estado”.

“Todo o que é a valoración económica sobre o traspaso definitivo da AP-9 é froito dunha negociación” entre a Xunta e o Goberno central, polo que o portavoz popular sinalou que “o importante é que se produza esa transferencia por acordo entre as dúas administracións”.

Pedro Puy referiuse “á boa vontade” do Goberno de España levantando o veto á tramitación da proposición de lei, pero “sería bo que se aclarase se se corresponde coa mesma vontade de facer a transferencia”.

“Ao final ten que haber unha lei de transferencia, que pode avanzar se hai vontade por parte da Administración Xeral do Estado pedindo a convocatoria das comisións correspondentes que avalíen o custo desa transferencia, que se levarían á citada lei para o traspaso a Galicia da AP-9”.

O BNG QUERE QUE O PSOE TEÑA COHERENCIA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou ao PSOE que, no marco do debate que se dará no Congreso dos Deputados para posicionarse sobre a petición de Galicia para reclamar a transferencia da autoestrada AP-9, actúe con "coherencia" defendendo o mesmo que antes de chegar ao Goberno.

En rolda de prensa, a nacionalista urxiu aos socialistas a que expresen publicamente cal será o seu sentido do voto, que deberá ser coherente co manifestado en Galicia, onde se mostraron partidarios ao rescate.

Con todo espera que se o PSOE apoia o traspaso, sexa con todas as consecuencias e logo non tente baleirar de contido a iniciativa ou demore a transferencia.

"Levamos moito tempo esperando, espero que non haxa agora novos vetos", esgrimiu Pontón que remarcou que a proposta que se debaterá é a aprobada na Cámara autonómica en 2016 e por tanto xa presenta un gran atraso.

O BNG pide, por tanto, que "se axilice ao máximo posible" o trámite parlamentario porque os galegos non poden seguir "sufrindo" por máis tempo a "estafa" que supoñen as peaxes da autoestrada.

Ademais, como a iniciativa que se defenderá foi redactada na anterior lexislatura, o BNG si a poderá defender no Congreso dos deputados, xa que naquel momento era a terceira forza no Parlamento (tras as escisións de AGE ao Grupo Mixto), aspecto que valorou.

Pontón ve normal que o BNG vaia a defender esta iniciativa na Cámara Baixa debido a que é o grupo "promotor" da mesma.

Respecto diso, asegurou ademais que o seu grupo manterá contactos con “as forzas nacionalistas” con representación no Congreso para conseguir un acordo respecto diso e apoien co seu voto favorable o traspaso da infraestrutura a Galicia.

Comentarios
Lo más