Debate sobre o novo futuro do Ensanche compostelano coa Fundación Santiago Centro
A actividade, aberta a todo o público pero de especial interese para o sector empresarial, pretende ser un espazo aberto de análise do Ensanche somo área residencial e de servizos
A innovación comercial, o turismo como oportunidade e un urbanismo sostible serán os eixos do acto Un novo futuro para o Ensanche, unha mesa redonda promovida por Santiago Centro en colaboración con EmRede.
O arquitecto Juan Caridad, o xornalista Cristóbal Ramírez e a coordinadora do estudo Nova estratexia comercial para o Ensanche, Elena Goyanes, exporán a súa visión sobre os pasos a dar para encarar os próximos anos na zona moderna de Compostela, nunha mesa redonda que se levará a cabo o hoxe martes 25 ás 20.00 horas no Centro Cívico do Ensanche.
A actividade, aberta a todo o público pero de especial interese para o sector empresarial, pretende ser un espazo aberto de análise do Ensanche somo área residencial e de servizos, e de debate sobre o seu futuro como principal eixo comercial de Compostela.
Cunha poboación achegada aos 40.000 residentes e con máis de 2.000 empresas de servizos (comercio, hostalería, despachos profesionais), o que se pretende é recompilar información e propostas para seren integradas no estudo que está a levar a cabo Santiago Centro, orientado como unha folla de ruta a seguir polo centro comercial aberto nos próximos cinco anos.
O papel do comercio polo miúdo como elemento integrador e vertebrador das cidades e o seu rol no desenvolvemento social e económico dos barrios, é outro dos eixos a analizar na mesa, nun momento clave para este sector polo imparable avance do comercio electrónico.
Juan Caridad Graña, arquitecto especializado en Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura na Universidade da Coruña, abrirá a mesa redonda analizando o Ensanche como espazo urbano, a conexión entre o casco vello e o Ensanche e as opcións de dinamización da zona moderna.
Pola súa parte, o xornalista experto en turismo Cristóbal Ramírez, abordará a oportunidade que, para o Ensanche, supón o crecente fluxo de visitantes que recibe anualmente Santiago, e de posibles estratexias para darlle visibilidade a esta zona compostelá.
Elena Goyanes, coordinadora do estudo sobre estratexias comerciais innovadoras que está rematando Santiago Centro, exporá varias propostas baseadas na tecnoloxía para transformar o Ensanche nun barrio conectado, aproveitando posibilidades técnicas xa existentes e que lograrían mellorar a experiencia de compra.