Cirurxía pediátrica do CHUS recolle un premio polo seu traballo na patoloxía perianal
O traballo galardoado leva por título “Patoloxía Perianal no neno”, cuxos autores son Adolfo Bautista e todo o servizo de cirurxía pediátrica da XXIS
O doutor Adolfo Bautista Casasnovas, xefe de Servizo de Cirurxía Pediátrica da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, recolleu onte o premio Doutor Argüelles Terán, da Real Academia de Medicina y Cirugía de Sevilla.
O traballo galardoado leva por título “Patoloxía Perianal no neno”, cuxos autores son Adolfo Bautista e todo o servizo de cirurxía pediátrica da XXIS. Ao longo do traballo, os autores describen a patoloxía perianal pediátrica primaria diagnosticada e tratada no Servizo de Cirurxía Pediátrica da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela nos últimos 15 anos.
O obxectivo do traballo é dar a coñecer e avaliar as características epidemiolóxicas, clínicas, terapéuticas e evolutivas de todas as lesións perianais tratadas no servizo de cirurxía pediátrica da XXIS neses anos. En total foron 183 pacientes (97 varóns e 86 mulleres) que presentaban 198 caos de patoloxía anorrectal.
A cirurxía máis común neste tipo de patoloxía está relacionada cos abscesos e fístulas perianais, así como os pólipos cutáneos e colgallos perianais moi frecuentes no primeiro ano de vida.
Por outra banda, a cirurxía máis complexa é nas malformacións anorrectais: atresias de ano, nenos que nacen sen orificio anal no perineo, ou cunha fístula e ese nivel e que requiren unha intervención cirúrxica para poder defecar normalmente.
As lesións perianais son moi comúns na idade pediátrica, e orixinan gran número de consultas de pediatría xeral e especializada, causando incomodidade e grandes molestias a nenos afectados. É unha patoloxía pouco coñecida, infradiagnosticada e, a cotío, confundida.
Dita confusión existente sobre as distintas lesións que lle afecta á rexión perianal pode levar a un incorrecto tratamento. Moitos dos problemas son específicos dunha idade determinada, como sucede coas fístulas e abscesos perianais, que lle afectan aos menores dun ano. Uns son conxénitos e outros claramente adquiridos.
No traballo tamén se reflicten as melloras no diagnóstico e nos tratamentos nos últimos anos. Estas melloras veñen da man das novas tecnoloxías de imaxe, tanto radiolóxicas como fotográficas.
En canto aos avances cirúrxicos, a totalidade dos nenos poden ser intervidos por vía perineal, sen necesidade de laparotomía, con técnicas menos agresivas que permiten unha máis rápida recuperación do paciente.
O doutor Bautista Casasnovas explicou que o sentido do seu traballo é “chamar a atención sobre lesións que, ás veces, se minusvaloran, pese a que representan gran parte da atención pediátrica diaria”. A patoloxía perianal no neno é un problema infradiagnosticado, e por lo tanto, infratratado.
O equipo do doutor Bautista está integrado por seis especialistas do servicio hospitalario que dirixe (Jorge Cortizo, María García, Cristina Marco, Pablo Rodríguez, Roberto Méndez e Elina Estévez) e pola doutora Sara Bautista, médico residente de Alergoloxía no Hospital 12 de Octubre de Madrid.