O CHUS comeza unha nova investigación sobre o Alzhéimer
Calcúlanse que en Galicia hai máis de 50.000 pacientes con demencia (un 7% dos maiores de 65 anos)
Onte celébrase o Día Mundial do Alzhéimer para concienciar á poboación sobre a importancia desta patoloxía, que é a causa máis frecuente de demencia, soa ou asociada a dano vascular. Cada ano vense máis de 2.500 pacientes por sospeita de demencia nas consultas de neuroloxía cognitiva da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, unhas 800 son primeiras consultas.
A área sanitaria de Santiago sitúase á cabeza da asistencia e investigación en demencias. Nestes intres están a desenvolverse importantes proxectos de investigación na busca de biomarcadores eficaces para diagnosticar, en estadíos precoces, esta doenza ao tempo que se realizan diferentes ensaios clínicos. Así recentemente ven de iniciarse un novo proxecto de investigación liderado desde Santiago, no que participan investigadores do IDIS e dos servizos de Medicina Nuclear e Neuroloxía, coordinados por Pablo Aguilar, do IDIS.
Calcúlanse que en Galicia hai máis de 50.000 pacientes con demencia (un 7% dos maiores de 65 anos). A incidencia aumenta en relación co envellecemento da poboación, como é o caso da poboación galega. Os doentes da área sanitaria compostelá contan desde hai anos cunha e-Consulta que facilita unha vía rápida de acceso á consulta hospitalaria e proporciona unha valoración, diagnóstico e tratamento precoces dos doentes con sospeita de padecer esta patoloxía. Ao ano máis de 500 pacientes se benefician deste recurso.
Líder en investigación
Desde o Servizo de Medicina Nuclear e Neuroloxía coordínase un novo proxecto de investigación que acadou financiamento do Instituto Carlos III e que pretende desenvolver novas ferramentas para o diagnóstico por imaxe da Enfermidade de Alzhéimer. Este estudo está baseado en imaxes de PET obtidas cun novo radiotrazador con afinidade pola molécula de amiloide.
Este tipo de estudos complementa á imaxe PET de metabolismo cerebral con glicosa marcada (FDG) que se realiza para diagnóstico diferencial da deterioración cognitiva. O PET amiloide permite o diagnóstico precoz da Enfermidade de Alzhéimer nun estadio inicial, no que a sintomatoloxía aínda non permite asegurar que o paciente vaia desenvolver a enfermidade. A presenza de amiloide no cerebro precede ao proceso de neurodexeneración propio da enfermidade de Alzhéimer.
No marco deste proxecto desenvolveranse ferramentas de análise de imaxe para estimar de forma precisa os depósitos de amiloide en diferentes áreas cerebrais, especialmente naquelas zonas nas que se produce a acumulación de maneira precoz. Neste proxecto participan e colaboran os doutores José Manuel Aldrey e Juan Pías do Servizo de Neuroloxía e a doutora Julia Cortés Hernández do Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico. O Investigador Principal é o doutor Pablo Aguiar Fernández, físico e investigador Ramón e Cajal do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
Esta nova iniciativa ven sumarse a outros importantes proxectos iniciados o pasado ano: PANA e MADIA.
Proxecto PANA
Desde o Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas (LINC) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago coordinase unha das principais investigacións europeas sobre a enfermidade do Alzhéimer que busca desenvolver ferramentas que permitan o diagnóstico precoz da enfermidade de Alzhéimer 5 anos antes de que comece a sintomatoloxía clínica..
O proxecto europeo PANA (Promoting active Ageing: Nanodevices for Alzheimer’s Disease at ultra-early stages // Promoción do envellecemento activo: nanoestruturas para fases moi precoces da enfermidade de alzhéimer) xurde co obxectivo de contribuír a mitigar e atrasar os devastadores efectos da enfermidade de Alzhéimer. Trátase do primeiro proxecto H2020 coordinado por un investigador do Servizo Galego de Saúde, Tomás Sobrino - Investigador Miguel Servet do SERGAS integrado no LINC do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) / liderado conxuntamente con José Castillo - director Científico do IDIS.
O proxecto está dotado cun orzamento de 7,8 millóns de euros xestionados integramente dende a institución compostelá. Participan máis de 100 investigadores europeos, liderados polo Grupo de Neurociencias Clínicas do IDIS.
Na actualidade non existen tratamentos efectivos para a enfermidade de Alzhéimer, debido a que a patoloxía é diagnosticada en etapas tardías. Por iso, o proxecto PANA ten como obxectivo desenvolver un sistema de detección precoz en fases asintomáticas.
Nas súas pescudas, os investigadores do consorcio PANA xa foron capaces de desenvolver anticorpos específicos fronte marcadores patolóxicos precoces da enfermidade de Alzhéimer presentes a nivel cerebral e no líquido cefalorraquídeo. Este avance permitiulles desenvolver kits de inmunodiagnose que se están testando en mostras de doentes . En paralelo estos anticorpos poden ter capacidade terapéutica xa que recoñecen biomarcadores patolóxicos asociados á progresión da enfermidade polo que se están realizando probas preclínicas de inmunoterapia como futuros tratamentos para esta doenza.
“O obxectivo e combinar diagnose precoz e tratamento nun mesmo proceso, o que se coñece hoxe en día coma teranóstica”, subliña Tomás Sobrino.
Outro obxectivo do proxecto PANA é a diagnose precoz da Enfermidade de Alzhéimer baseado na nanotecnoloxía, biomedicina e neuroimaxe, mediante o deseño de nanoestruturas multimodais que se unen a biomarcadores patolóxicos específicos da enfermidade, a través dos anticorpos previamente descritos, e que poderán ser detectados por técnicas de neuroimaxe como a Resonancia Magnética e a Tomografía de Emisión de Positróns (PET).
Por outra parte, dende o mesmo Grupo de Neurociencias do IDIS, o Dr. Francisco Campos - Investigador Miguel Servet do SERGAS – participa coma investigador principal noutro proxecto H2020 denominado MADIA (Magnetic Diagnostic Assay for Neurodegenerative Diseases // Ensaio Diagnóstico Magnético para Enfermidades Neurodexenerativas) cuxo obxectivo principal é desenvolver un dispositivo “point off care” coa suficiente sensibilidade e especificidade para detectar en sangue os marcadores patolóxicos da Enfermidade de Alzheimer en fases precoces. A consecución deste obxectivo sería unha revolución diagnóstica xa que permitiría unha cribaxe preventiva debido a que o sangue é unha mostra biolóxica máis accesible para a realización de análises clínicas -sinala o Dr. Campos.
Ademais, o servizo de Neuroloxía da Xerencia de Santiago ven de iniciar un proxecto de investigación sobre deterioro cognitivo lixeiro en colaboración co departamento de Psicoloxía evolutiva da USC. Súmase esta iniciativa ás colaboracións coa facultade de Odontoloxía, para estudar a relación que existe entre a enfermidade de Alzhéimer e a patoloxía periodontal, así como co servizo de Oftalmoloxía do CHUS para investigar a relación entre alteracións oftalmolóxicas e a enfermidade de alzhéimer, coa intención de avaliar a utilidade de técnicas empregadas por esta especialidade que poderían contribuír ao diagnóstico da doenza.
Os pacientes da área de Santiago benefícianse tamén da participación da xerencia nun ensaio clínico de tratamento cun medicamento modificador da evolución da enfermidade cun anticorpo monoclonal antibeta-amiloide. Neste tipo de tratamentos con inmunoterapia pasiva, residen actualmente as mellores expectativas para conseguir un efecto terapéutico relevante para estes pacientes, xa que se trata do primeiro ensaio clínico en marcha cun tratamento modificador. En breve iniciarase un novo ensaio clínico.
A Xerencia de Santiago participa, tamén, cun consorcio de empresas implicadas na atención de persoas con deterioro cognitivo para desenvolver unha aplicación informática de utilidade no seguimento e actividades de estimulación para estas persoas, coa intención de facilitar un envellecemento autónomo saudable.
Prevención
Ante a ausencia actual dun tratamento eficaz, “aconséllase insistir na prevención: control de factores de risco vascular (diabetes, HTA, colesterol), exercicio físico, dieta mediterránea, estimulación cognitiva, manter relacións sociais o máis intensas posible, reducir consumo de alcohol e tratar a depresión”, segundo indica o doutor José Manuel Aldrey, responsable da consulta de neuroloxía cognitiva da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago. “É importante a diagnose precoz, por iso deben consultar persoas con problemas de memoria u outros síntomas suxestivos de deterioro cognitivo”, subliña.
Por outra banda, o dr Pías, da Consulta de Neuroloxía Cognitiva lembra que “a demencia afecta aos doentes pero tamén dun xeito especial ás familias dos enfermos, por iso un dos grandes retos actuais é proporcional con máis axilidade recursos sociais que permitan aos coidadores tanto un mellor coidado como un mellor equilibrio”.