Novo patio para o CEIP Quiroga Palacios grazas aos Orzamentos Participativos 2018
O alcalde explicou que a ampliación do patio "é unha vella demanda da comunidade educativa do Colexio Quiroga Palacios, un dos máis antigos da cidade, que vén de cumprir o seu 50 aniversario"
A Xunta de Goberno acordou onte iniciar o procedemento de licitación das obras de ampliación do patio do CEIP Quiroga Palacios, que tamén será dotado dun novo parque infantil. A actuación custará cerca de 80.000 euros.
O alcalde explicou que a ampliación do patio "é unha vella demanda da comunidade educativa do Colexio Quiroga Palacios, un dos máis antigos da cidade, que vén de cumprir o seu 50 aniversario".
Martiño Noriega apuntou que o centro vén gañando alumnado, e a súa dotación actual xa non era acaída para os datos de matrícula do Quiroga Palacios. A actuación tamén permitirá dotar ao CEIP dun novo parque infantil.
Tamén en Lavacolla vaise instalar un novo parque infantil nunha zona próxima ao local sociocultural. O procedemento de adxudicación tamén quedou aberto na Xunta de Goberno de onte, cun orzamento de case 75.000 euros.
A actuación enmárcase no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide de 2018.
Outros acordos
Na xuntanza de onte tamén se avanzou en dous proxectos nos que o Concello colabora coa Consellería de Infraestruturas. Así, púxose a disposición da Axencia Galega de Infraestruturas o viario municipal necesario para a execución do proxecto de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago; e aprobouse o convenio para a execución dunha parada de autobús na rúa de Clemente Fernández Sarela. O acordo será asinado nun prazo de tres meses.