Medio Ambiente pecha a tramitación ambiental da planta de residuos de Casalonga
Tras recibir o informe negativo de compatibilidade urbanística do Concello de Teo a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático vén de asinar a resolución pola que se arquivan todos os trámites realizados ata o momento
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de pechar o procedemento de autorización ambiental integrada do proxecto para a instalación dunha planta de residuos en Casalonga, no Concello de Teo. Esta resolución emítese logo de ter recibido o informe negativo de compatibilidade urbanística por parte do concello e con ela ponse fin á tramitación ambiental do proxecto por parte da Xunta.
Cómpre lembrar que a Lei de prevención e control integrados da contaminación establece que o Concello no que se pretenda localizar unha instalación de tratamento de residuos deste tipo deberá emitir un informe urbanístico que será totalmente vinculante, xa que determinará o avance do resto da tramitación.
Así, o pasado 4 de setembro recibiuse na Consellería de Medio Ambiente o informe de incompatibilidade urbanística do Concello de Teo con relación ao proxecto de Casalonga, polo que o departamento autonómico acaba de asinar a resolución coa que se pon fin a este procedemento administrativo e se arquivan todas as actuacións realizadas ata o momento.
Precisamente, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, reunirase cos veciños de Teo e membros da corporación municipal a próxima semana co fin de comunicarlles en persoa as últimas novidades e cal é o estado actual do expediente.
Esta será a segunda ocasión na que a Xunta reciba á veciñanza de Teo con relación a este proxecto despois da xuntanza que mantiveron en xuño para resolver as dúbidas xeradas tras a presentación ante o Concello e a Xunta dunha iniciativa privada para instalar unha planta de tratamento de residuos non perigosos na antiga canteira de Casalonga.