Demandan que Fomento dote de trens AVRIL para mellorar as conexións con Madrid
Outros dos temas do próximo pleno será o accidente do Marisquiño
O Grupo Popular defenderá no Pleno do Parlamento da vindeira semana que o Ministerio de Fomento dote a Galicia de trens AVRIL para a prestación do servizo na liña Madrid-Ourense-A Coruña e Vigo, mellorando así os tempos de conexión coa Meseta e facéndoos máis competitivos.
Así mesmo, demandará ao Goberno central que exclúa a Galicia dos suplementos territoriais en relación coas peaxes de acceso á enerxía eléctrica correspondentes a 2013, xa que considera que os impostos medioambientais establecidos pola Administración galega non deben ser abonados polos consumidores galegos.
O portavoz popular, Pedro Puy, informou que na Xunta de Portavoces acordouse a celebración do Debate sobre o Estado da Autonomía entre os días 9 e 11 de outubro, así como abrir un prazo ata o vindeiro luns, a proposta dos letrados do Parlamento, para que os grupos parlamentarios rexistren os membros que formarán parte das comisións de investigación sobre o accidente do Marisquiño en Vigo e sobre a situación da sanidade en Galicia.
“Imos facer unha comisión de investigación estritamente sobre o que piden os grupos da oposición: a evolución do gasto público nestes últimos anos e a súa repercusión nos servizos sanitarios”, concretou Pedro Puy. Deste xeito, apuntou que “non imos facer o xogo a quen quere desprestixiar o conxunto das institucións”.
Así mesmo, sobre a Comisión de Investigación do accidente do Marisquiño, Puy reiterou que “simplemente con que o Concello de Vigo se tivera comportado do mesmo xeito que fixo a Xunta dando amplas explicacións da súa actuación no Parlamento, non se tería aprobado esta comisión”