A Consellaría dá a razón á Confederación de ANPAS Galegas en canto á escolarización de nenos múltiples
Esta campaña levouse á Valedora do Pobo, quen lles deu a razón as ANPAS galegas dende un primeiro momento; e agora remata co pronunciamento da Xunta de Galicia
O pasado curso a Confederación ANPAS Galegas realizou unha campaña, colaborando cunha familia de Viveiro, Lidia e Juan, que prestaron o seu nome e a súa circunstancia para exemplificar un problema que é xeral, na que trataban de romper unha mal enquistada tradición de tratar aos irmáns nacidos de partos múltiples, xemelgos e falsos xemelgos, dun xeito uniforme, e así había colexios onde sistematicamente se lles separaba, e outros onde sistematicamente se lles deixaba xuntos na mesma aula.
A pretensión desta Confederación, totalmente de acordo coa posición maioritaria das familias que viven esa circunstancia, sempre foi a de considerar que as crianzas nacidas de partos múltiples non tiñan porque ser consideradas dun xeito non individual, e que a conveniencia de xuntalos ou separalos dependía totalmente das peculiaridades de cada neno ou nena, do xeito de se relacionar co outro xemelgo, e da súa capacidade e intereses na relación cos outros nenos e nenas; e que quen coñecemos perfectamente esas características somos exclusivamente súas nais e pais; máis aínda unha vez que está totalmente demostrado que non existe ningún tipo de incidencia académica, e que a eses efectos tanto ten que estean na mesma clase como en clases separadas.
Esta campaña levouse á Valedora do Pobo, quen lles deu a razón as ANPAS galegas dende un primeiro momento; e agora remata co pronunciamento da Xunta de Galicia que responde á Valedora do seguinte xeito:
“Non existe evidencia científica que demostre que a separación ou a unión dos xemelgos, dos mellizos ou de calquera outro tipo de múltiples sexa positiva nin negativa para o desenvolvemento da súa autonomía e identidade”.
Así, os últimos estudos neste campo tenden cada vez máis á idea de que non hai unha solución igual para todos os casos pois cada parella de múltiples é diferente. De aí que se recomende dende o ámbito científico que a solución no ámbito educativo sexa o resultado dun estudo individualizado de cada caso no que se teña en conta a opinión dos pais e as necesidades educativas dos nenos e nenas.
En función de todo o exposto, e en tanto non se estableza unha regulamentación ou exista unha evidencia científica concluínte, esta Consellaría trasladará a todos os centros docentes da CA de Galicia a recomendación de que as decisións relativas á separación ou agrupamento na mesma aula do alumnado nado de partos múltiples non se establezan a priori nas Normas de Organización e Funcionamento dos centros.
Este tipo de decisións deberán ser adoptadas dun xeito flexible e aberto, con carácter revisable, cun consenso entre proxenitores, docentes e servizos de orientación.