Reclaman ao Goberno de CA que atenda os rogos da veciñanza e leve a cabo a mellora da Calzada do Combarro
"Esta situación ten provocado queixas por parte da veciñanza, que mesmo chegaron aos servizos municipais correspondentes, sen que ata o de agora se lle teña posto remedio"
O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno deste mes de setembro un rogo para que o Goberno de Martiño Noriega "atenda as peticións da veciñanza e leve a cabo a mellora da capa de rodadura da Calzada do Combarro, sobre todo, entre a Praciña do Combarro, uns 50 metros de lonxitude, dotando de capa asfáltica a súa parte final ata o seu entronque coa denominada Rúa da Vía".
Os Populares, "despois de recibir numerosas queixas dos veciños desta zona, lembran ao equipo de Goberno que, na parroquia do Castiñeiriño, atópase a rúa da Calzada de Combarro que foi pavimentada con formigón na súa maior parte fai máis de dúas décadas".
"Así, no seu tramo final, concretamente, a partir da Praciña do Combarro, desde onde comeza o asfalto, presenta un estado lamentable, con fochancas, perda de firme nos bordes da calzada e cun tramo duns 50 metros que permanece con terra, a pesar de ser un treito moi transitado, posto que permite enlazar esta vía coa chamada Rúa da Vía, que discorre en paralelo coa liña férrea".
Para o Grupo que dirixe Agustín Hernández, "o equilibrio de servizos entre o ámbito urbano e o rural debe ser un dos obxectivos prioritarios do Goberno de Compostela Aberta na procura de garantir a igualdade e o principio de xustiza distributiva".
Non obstante, "esta premisa non é unha prioridade para o Grupo de CA, que mantén o rural da capital de Galicia, aínda máis abandoado que o propio centro da cidade. Entre os servizos esenciais que deberían terse mellorado nestes case catro anos de desgoberno das Mareas atópase, xunto co abastecemento e o saneamento, a dotación dunha axeitada rede viaria que permita o acceso a todos e cada un dos núcleos de poboación".