Talleres de competencias emocionais e sociais destinados ás mulleres amesás
O próximo xoves, día 13, terá lugar o obradoiro que tratará sobre “A sexualidade: claves para mellorar a comunicación en parella”
Ao longo deste mes de setembro, todos os xoves terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, entre as 17.00 e as 19.00 horas, unha serie de obradoiros dirixidos a todas as mulleres de Ames que queiran participar, nos que se traballarán competencias emocionais e sociais para o benestar.
O próximo xoves, día 13, terá lugar o obradoiro que tratará sobre “A sexualidade: claves para mellorar a comunicación en parella”, mentres que o do día 20 terá como clave o benestar e a nutrición, e como sentirse mellor a través da alimentación. Este grupo de sesións rematará o día 27 co obradoiro “Benestar en movemento”.
Un programa dirixido á prevención e tratamento integral da violencia de xénero
O CIM de Ames está a desenvolver un programa con diferentes actuacións para as mulleres que sofren violencia ou que están en risco de sufrila, facendo fincapé tamén na prevención da mesma. Así, estas actividades están divididas en tres bloques: grupos de traballo, mañás temáticas e tardes temáticas; e buscan dar asesoramento as mulleres que sofren violencia ou que están en risco de sufrila, co obxectivo de ofrecer ferramentas que favorezan cambios nas vidas persoais e familiares imprescindibles para asegurar a recuperación integral da muller e poder, así, comezar un novo proxecto vital.
Así, nos grupos de traballo desenvolverase a intervención de carácter terapéutico destinada a este colectivo. Ao longo de 10 sesións traballaranse as competencias emocionais e sociais , partindo dunha análise de necesidades que se fai o comezo de cada grupo. Búscase así a creación dun espazo de confort e confianza no que abordar transversal e explicitamente as súas competencias emocionais e sociais.
Obradoiros de desenvolvemento persoal
No tocante ás mañás temáticas, estas terán lugar dous días á semana e están dirixidas ás mulleres do grupo de traballo e intervención terapéutica e tamén a mulleres do concello de Ames que, pola súa situación ou risco de vulnerabilidade, requiran deste tipo de intervencións. Nas mañás temáticas traballarase mediante obradoiros de competencias relativas ao desenvolvemento persoal , ao benestar integral e á promoción da saúde das mulleres participantes. O obxectivo é reducir a marca e severidade dos danos causados na saúde, tanto física como emocional, causados pola violencia contra as mulleres, poñendo especial énfase en aquelas que se atopan en situación de maior risco ou vulnerabilidade.
Todas aquelas interesadas en participar nestas actividades aínda están a tempo de inscribirse, de forma gratuíta, nos teléfonos 981 53 59 41 ou 981 89 09 64, onde tamén poderán obter máis información.