Gonzalo Caballero asiste á Festa da Rosa dos socialistas asturianos
O secretario xeral do PSdeG foi convidado por Adrián Barbón ao acto que serviu para poñer en valor os 100 primeiros días do goberno socialista
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asistiu este domingo á Festa da Rosa dos socialistas asturianos convidado polo seu homólogo, Adrián Barbón.
Ante dous milleiros de persoas, o presidente do goberno, Pedro Sánchez, puxo en valor as medidas tomadas nos 100 primeiros días dende a súa chegada á Moncloa.
No acto, tamén interviron o secretario local de Oviedo, Iván Piñuela; o alcalde de Oviedo, Wenceslao López; a voceira do PSOE no Congreso, Adriana Lastra; ademais do propio Adrián Barbón, quen augurou “grandes éxitos” electorais do PSdeG con Gonzalo Caballero á fronte.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG trasladoulle a Pedro Sánchez o seu “total apoio” e a “satisfacción dos socialistas galegos por abrir unha etapa de progreso e dignidade fronte aos recortes e a parálise que representou o goberno da dereita”.
Así mesmo, destacou que “a pesares da complexidade política do país, o goberno socialista, en 100 días, ten permitido avances fundamentais como a universalidade da sanidade pública, a revalorización das pensións e a suba das máis baixas, o incremento das bolsas para os estudantes en situacións máis vulnerables e un programa de medidas contra a pobreza infantil”.
“O goberno aínda acaba de chegar e hai que darlle tempo para desenvolver un proxecto de progreso que é imprescindible para o futuro do país”, resaltou Gonzalo Caballero, quen valorou o anuncio do presidente de poñer en marcha un plan contra o desemprego xuvenil.
Ao rematar o acto, o secretario xeral do PSdeG participou no acto de confraternización da Festa da Rosa dos socialistas asturianos, a ‘espicha’, onde trasladou a Adrián Barbón todo o seu apoio e “o convencemento de que será un gran presidente de Asturias”.