miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Critican que CA incumpre a súa propia ordenanza de transparencia

Critican que CA incumpre a súa propia ordenanza de transparencia
Critican que CA incumpre a súa propia ordenanza de transparencia

Na ordenanza municipal de transparencia aprobada en outubro de 2016 recóllese "a obriga de elaborar un plan anual de transparencia”

"A pesar das continuas referencias que Compostela Aberta fai á mellora da transparencia na información municipal durante o actual mandato, o certo é que as carencias nesta materia son moi acusadas, ata o punto de que desprezan as obrigas impostas pola principal norma municipal aprobada por este Goberno", afirman dende o Partido Popular.

"Cómpre lembrar que o Pleno do Concello aprobou hai máis de 22 meses -xa con retraso respecto do prazo establecido pola Lei 19/2013 de transparencia, pola deficiente tramitación do executivo local que publicou dous textos distintos- unha ordenanza en boa parte copiada dun documento tipo da FEMP na que se dispoñen unha serie de medidas para garantir o acceso á información municipal polo conxunto da veciñanza. Da simple lectura do texto aprobado despréndese que o equipo que presumía da súa transparencia e de dotar de paredes de cristal ao Concello está a incumprir arredor da metade das obrigas contidas na súa propia norma", afirman. 

Na ordenanza municipal de transparencia aprobada en outubro de 2016 recóllese "a obriga de elaborar un plan anual de transparencia”, cuxo seguimento lle corresponde á Comisión de Transparencia, que debe elevar o correspondente informe ao Pleno, sen que ata a data de hoxe se teña coñecemento dese plan anual, cando se van cumprir os dous primeiro anos de vixencia da norma".

Ademais afirman que "existen informacións que non se publicaron aínda nunca na páxina web, malia que se require expresamente a través do anexo 1 da ordenanza. Tal é o caso das resolucións xudiciais que lle afecten ao Concello, as cartas de servizos (que, certamente, non se poden publicar porque aínda hoxe permanecen sen aprobar polo Goberno), as licenzas de obras maiores ou algo tan sinxelo como o rueiro da cidade. Outras informacións mantéñense sen actualizar, desde hai meses e mesmo anos, como as referidas ao último trimestre de execución orzamentaria publicado que é de setembro de 2016, o período medio de pagamento a provedores que é do mes de xuño (ata o mes de xullo o último publicado era do mes de marzo, o que provocou as queixas e denuncias por parte do conxunto da oposición municipal), a listaxe de subministradores ao Concello que remite ao ano 2015 ou a listaxe de contratos, onde a última referencia é do ano 2016".

"A transparencia é un reclamo que o Goberno emprega para presumir da súa acción, pero que logo non cumpre, como o demostra a rolda de prensa ofrecida pola concelleira de Facenda en abril de 2017" na que se aireaba que “o Concello continúa apostando pola transparencia coa publicación de todos os pagos realizados”.

Comentarios
Lo más