A Asociación Veciñal de Covas celebra hoxe a XI Festa da Orella
O que nun principio era a festa do socio, pronto pasou a ser unha festa popular que congrega ano tras ano a máis de duascentas persoas
Hoxe agárdase que arredor de 200 persoas acudan á XI Festa da Orella de Covas. Para elo xa contan con 50 quilos de orella de porco cocida, 150 chourizos, 16 empanadas de atún e de bacallau, 8 empanadas de mazá, 14 quilos de pan, viño branco e tinto, refrescos, auga, e café.
Este será o menú que poderán degustar as persoas que acudan a este evento gastronómico, que comezou sendo a festa do socio, e que se realiza na pista polideportiva descuberta da parroquia, a carón do campo da festa. E todo polo módico prezo de 7 euros por persoa.
A Festa da Orella de Covas naceu a proposta do primeiro presidente da asociación veciñal, Manuel Martínez, quen propuxo aos veciños e veciñas da parroquia facer o balance anual da asociación rodeado de tan prezado produto gastronómico.
O que nun principio era a festa do socio, pronto pasou a ser unha festa popular que congrega ano tras ano a máis de duascentas persoas. O obxectivo é pasar un día de xuntanza e integrar a todas aquelas persoas que non naceron nesta parroquia, pero que agora a elixiron como lugar de residencia. Asemade, a Asociación veciñal e Covas terá os carnés a disposición de aquelas persoas que queiran aboalo ese mesmo día.