As productoras Chévere e Ollovivo filman en Teo a versión cinematográfica de Eroski Paraíso
Eroski Paraíso: o filme, que se estreará en 2019, está protagonizado por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Cristina Iglesias e Luís Martínez
O auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo) acolle durante estes días a gravación de Eroski Paraíso: o filme, un proxecto audiovisual dirixido por Jorge Coira que se realizará grazas á colaboración entre dúas produtoras culturais independentes: Chévere, dedicada ao mundo escénico e OlloVivo. orientada aos proxectos audiovisuais.
Eroski Paraíso: o filme, que se estreará en 2019, está protagonizado por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Cristina Iglesias e Luís Martínez. Trátase dunha co-produción independente realizada sen subvencións públicas, co soporte humano, material e loxístico das dúas produtoras e coa colaboración das empresas Vegalsa-Eroski e Deleite. A rodaxe conta tamén co apoio do concello de Teo, onde Chévere funciona como compañía residente.
EROSKI PARAÍSO: TEATRO E FILME
Eroski Paraíso é un dos espectáculos máis exitosos de Chévere, así como un dos máis queridos polo público. Estreado en Muros en 2016, conta a historia de Álex, unha rapaza que estuda cine en Barcelona e quere facer a súa primeira película documental sobre o día no que se coñeceron seus pais na sala de festas O'Paraíso de Muros en 1990, xusto antes de que pechara.
Unha historia que ten que ver co desarraigo da xeración dos seus pais e coa vontade da rapaza de recuperar as súas raíces para descubrir o seu lugar no mundo. Unha obra que explora o tratamento da realidade no cine e no teatro e as fronteiras entre o real e o representado, entre a ficción e o documental. Uha peza que reflexiona sobre a transformación da nosa sociedade desde os anos 80 ata a actualidade, representada na metáfora da sala de festas reconvertida en supermercado.
O director Jorge Coira recolle agora –máis de dous anos despois da estrea do espectáculo—o testigo de pasar á linguaxe do cine a historia que contamos sobre o escenario. Este proxecto afastarase do teatro filmado para ofrecer unha nova lectura do espectáculo teatral de Chévere mediante a súa tradución ao medio cinematográfico.