As xornadas formativas Teen Records entran na súa cuarta edición
Esta edición culminará a fin de semana dos días 15 e 16 de setembro co festival AMovidaFest
Comeza a cuarta edición de Teen Records, proxecto musical posto en marcha polo selo de música adolescente do mesmo nome nacido no ano 2015 como traballo de fin de grao da titulación de Comunicación Audiovisual da USC.
Na actualidade continúa co financiamento do programa «Iniciativa Xove» da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.
O propósito é axudar a impulsar a carreira musical de agrupacións galegas emerxentes conformadas por adolescentes (entre 16 e 22 anos). Na edición deste ano seleccionáronse para participar dúas agrupacións e un solista:
- The Rapants, formado por 4 rapaces de Muros.
- Lisdexia, formado por 5 rapaces de Muros.
- Gersio, rapeiro de Vilagarcía de Arousa.
Os integrantes destes tres proxectos musicais participarán o sábado 8 e o domingo 9 de setembro nunhas xornadas formativas sobre comunicación e produción musical e audiovisual impartidas polas catro integrantes de Teen Records que terán lugar na Casa da Cultura de Negreira.
Nestas xornadas os rapaces aprenderán a producir material audiovisual de calidade, a crear e manter a súa identidade de marca, a xestionar as redes sociais e a comunicación e perfeccionarán as súas producións musicais. Completarán a súa formación coa gravación dun single no estudo A Casa do Rock os días 29 e 30 de setembro.
Festival AMovidaFest
Esta edición culminará a fin de semana seguinte, os días 15 e 16 de setembro, co festival AMovidaFest. Nel actuarán as tres agrupacións desteano xunto con participantes do proxecto Teen Records de edicións anteriores (Froján, Particle e Treboada).
Tamén se abrirá o mercado de novos creadores Espazo Emerxe que contará coa presenza de artistas galegos emerxentes de diferentes ámbitos, como a ilustradora Rebeca Domínguez; a escritora Sara Carballal, que presentará o seu libro De cenizas e incendios; Rebeca Solla, que expoñerá os seus gravados; a marca ‘Cousas Raras’ de deseño de camisetas de Rocío López; a fotógrafa e artista multidisciplinar Emma Crespo; a artista Catalina Monmeneu; a fotógrafa Verónica Alvez; a creadora audiovisual Inés Iglesias; ou a creativa Rocío López.
A programación do festival quedará completa coa realización de charlas e relatorios de profesionais do ámbito do música abertos ao público.
Falarán o músico e profesional do audiovisual Xaime Fandiño; Laura Romero, creadora do proxecto Músicas Ilustradas; membros do colectivo de xestión cultural La Melona e membros do grupo Ataque Escampe.