jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

A Cé Orquestra Pantasma está hoxe en Bertamiráns coas súas "Brincadeiras Miudiñas"

A Cé Orquestra Pantasma está hoxe en Bertamiráns coas súas "Brincadeiras Miudiñas"
A Cé Orquestra Pantasma está hoxe en Bertamiráns coas súas "Brincadeiras Miudiñas"

O horario da actividad será de 18:00 a 20:00 horas

A través do programa Apego, Cé Orquestra Pantasma celebra en Ames as xornadas “Brincadeiras Miudiñas”, unhas sesións distintas nas que se busca recuperar a rúa e a natureza como espazo para o xogo, o lecer e a felicidade dos máis cativos e cativas, ao tempo que nos axuda a descubrir outras formas de brincar sen necesidade de mercar sofisticados aparellos.

Así, despois das dúas xornadas levadas a cabo o pasado 28 e 29 de agosto, as “Brincadeiras Miudiñas” despídense de Ames hoxe coa súa última sesión nos xardíns do Pazo da Peregrina. O horario da actividad será de 18:00 a 20:00 horas. 

Outro xeito de xogar, cantar, bailar e soñar

Desta volta, o Cé Orquestra Pantasma está a dar un paso máis aló na súa personaxe para meterse na pel dun feirante xogueteiro que entre rimas, música e baile, vainos engaiolando cara un mundo marabilloso: o mundo dos xogos e xoguetes miudiños. No Xogueteiro combínase un primeiro momento de música e baile seguido dun espazo de xogo con brinquedos tradicionais. Pequenos e maiores comparten así momentos máxicos, bailando e xogando con brinquedos clásicos como zancos, aros, a ferradura, tiracoios ou construcións.

Tamén hai un espazo para brincar con material natural non estruturado e descubrir as múltiples posibilidades que nos ofrece a natureza (pólas, liscos de madeira, pedras, cana…) e todo o beneficio que o seu emprego supón para os cativos e cativas. Asemade, nos obradoiros de creación libre de brinquedos, os e as participantes poden realizar bonecos, vehículos… a partir de diferentes elementos naturais, como poliñas, bugallos, follas, noces, abelás, miga de pan, vimbios, carozos, cunchas, cana do país, follaco de espiga, teas, cortiza, cartón, fíos de lá, piñas, pataquiñas, castañas, casqueiro de piñeiro ou sobreira.

As xornadas pretenden fomentar a creatividade nos nenos e nenas apostando por unha crianza respectuosa e sostible e promovendo a socialización en lingua galega e o achegamento á natureza e ao xogo libre. Para iso, buscase recuperar a rúa e a natureza como espazos para xogar, coñeceremos novas formas de xogo e xoguetes tradicionais e mesmo haberá pequenos obradoiros para construír brinquedos con materiais que podemos atopar na natureza (paos, pedras, follas…) ou que temos nas nosas casas. Todo isto mesturado coa música e cos contos do Cé Orquestra Pantasma.

Comentarios
Lo más