Piden á ministra Batet unha "axenda galega" para evitar un conflito
O voceiro no Congreso, Antón Gómez-Reino, lembrou que hai unhas semanas En Marea enviou unha carta a Batet, onde "trasladamos as demandas maioritarias da cidadanía galega".
O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, e a deputada Yolanda Díaz, portavoz adxunta da Comisión de Política Territorial e Función pública, esixiron á ministra Meritxell Batet acordar unha "axenda galega do cambio".
"Solicitamos un encontro bilateral coa Ministra Batet para acordar unha axenda galega, e aínda non temos resposta. Non nos gustaría que esta falta de resposta e compromiso con Galicia se convirta nun conflito político entre En Marea e o novo Goberno", explicou a deputada Yolanda Díaz.
O voceiro no Congreso, Antón Gómez-Reino, lembrou que hai unhas semanas En Marea enviou unha carta a Batet, onde "trasladamos as demandas maioritarias da cidadanía galega".
"Nesa carta recollíanse os consensos do Parlamento de Galicia, e as propostas de En Marea para a axenda galega do cambio", insistiu o voceiro, que destacou que as demandas dos galegos e galegas "deben estar atendidas de igual xeito que as de Catalunya ou Euskadi".
"Cos 5 votos de En Marea no Congreso contribuímos a facer presidente a Pedro Sánchez e agora é o momento de que o Ministerio de Batet responda as demandas maioritarias da cidadanía galega", asegurou.
Entre as cuestións a tratar, Díaz destacou, entre outras, a financiación autonómica, representación territorial nas negociacións europeas para temas fundamentais como a PAC e pesca, sobre a situación da lingua e a cultura galega así como polas transferencias.
"Hai múltiples competencias sen trasferir, como a AP-9. Están incrementando as peaxes na única vía de comunicación Norte-Sur", afirmou a deputada, que lembrou que En Marea ten cinco escanos que respaldan máis de 244.000 votos, "e estamos na antesala da negociación orzamentaria", advertiu.