O Souto descartado para a construcción da nova EDAR
O alcalde explicou ao remate da xuntanza celebrada onte en Madrid que "o Ministerio non vai impoñer unha localización que foi desbotada por acordo do Pleno da Corporación, e a partir de agora todas as enerxías concentraranse en viabilizar a opción da Silvouta"
O Ministerio de Transición Ecolóxica desbota definitivamente o proxecto da EDAR do Souto, e asume o compromiso de viabilizar a localización alternativa da Silvouta.
Así o confirmou o director xeral da Auga, Manuel Menéndez, na reunión que mantivo onte co alcalde, Martiño Noriega, e co concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.
O alcalde explicou ao remate da xuntanza celebrada onte en Madrid que "o Ministerio non vai impoñer unha localización que foi desbotada por acordo do Pleno da Corporación, e a partir de agora todas as enerxías concentraranse en viabilizar a opción da Silvouta".
Nesa liña, nas próximas semanas, "o Concello e a Dirección Xeral de Augas traballarán no intercambio de información para elaborar un documento ambiental inicial, o primeiro paso para que a nova EDAR de Santiago se constrúa na mesma localización que a actual depuradora da Silvouta".
O alcalde explicou que "resolta a cuestión do disenso político no relativo á localización da EDAR, entramos na fase dos traballos técnicos para viabilizar unha infraestrutura pola que Compostela leva agardando máis de 20 anos".
Na reunión de hoxe, o director xeral da Auga tamén se mostrou disposto a tramitar o estudo de impacto ambiental simplificado, tal e como viña defendendo o Goberno local.
A maiores, confirmouse que o prazo para a xustificación dos fondos europeos remata a finais de 2023, "dous factores positivos dende o punto de vista económico".
O alcalde reiterou que, en todo caso, "a comparativa de prezos analizada na reunión de hoxe volve demostrar que a da Silvouta é unha mellor opción dende o punto de vista económico, pero, sobre todo, éo desde o punto de vista do impacto ambiental".