miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O museo La Casa de la Troya amplía a súa apertura a todo o mes de setembro

O museo La Casa de la Troya amplía a súa apertura a todo o mes de setembro
O museo La Casa de la Troya amplía a súa apertura a todo o mes de setembro

Máis de 800 persoas visitaron o centro romántico estudantil durante o mes de agosto, superando o rexistro do ano pasado

O Museo Casa de la Troya supera en agosto as visitas, con máis de oitocentas, que tivo no mesmo mes do ano pasado. Tamén os roteiros troyanos dos venres están funcionando ben, segundo indica o seu director, Benigno Amor, con grupos de entre quince e vinte persoas, guiados polo actor Suso Martínez. A maioría dos visitantes son españois, pero tamén entran peregrinos e estranxeiros.

“As visitas de agosto e a consolidación dos roteiros supoñen unha satisfacción grande para a nosa asociación de antigos tunos composteláns, e veñen a avalar un traballo duro e continuado na promoción do museo que cumpriu vintecinco anos en febreiro. Tamén damos por consolidado o grupo de pulso e púa vencellado ao museo, e cuxo primeiro disco presentamos con gran éxito de público este verán no teatro Principal. Gravación, que por certo se está vendendo moi ben”, segundo explica Amor.

A dirección informa de que, a teor destes bos resultados, o museo amplía a súa temporada de apertura a todo o mes de setembro: a primeira quincena de martes a sábados e a segunda só venres e sábado. As visitas son guiadas e teñen unha duración aproximada de vinte ou vintecinco minutos, en grupos de quince persoas como máximo. Igualmente a intención da agrupación musical troyana é repetir a finais de ano o concerto do Principal, así como facer outras presentacións do disco noutras localidades de Galicia. 

Comentarios
Lo más