Chega "Desplanta Sons", o festival solidario e reivindicativo por unha Casalonga limpa de residuos
Terá lugar o venres 7 de setembro a partir das 20.30h no campo da festa do Carmelo
O festival solidario e reivindicativo “DesPlanta SONS” terá lugar o venres 7 de setembro a partir das 20.30h no campo da festa do Carmelo (Ameneiro-Teo) coincidindo co remate da misa que da inicio á celebración dunhas festas que todos os anos teñen lugar os días 8 e 9 de setembro.
Será un festival pensado para todos os públicos que comezará ás 20.30h con inchables gratuítos para os máis pequenos quenes poderán disfrutar da música que lles trae o Capitán Garfo. O grupo coral de mulleres Son Elas continuará amenizando a festa para dar paso logo á música tradicional e Folk a cargo de Tres Pesos e Os D’Abaixo. Rematarase o festival con música Metal de Deseqilibrio Mental e Rock cos John Derees.
Esta demostración festiva non podería terse realizado se non fora pola colaboración desinteresada dos grupos participantes, da Comisión de festas do Carmelo, da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, Deza Espectáculos (palco), RTA-Recursos Técnicos Artísticos (equipo de son), Iluminacións Souto, Infantilandia (inchable), Cantina de Midón e Cantina de Mambís, Fogar do Santiso. Os grupos musicais O Capitán Garfo, Son Elas, Tres Pesos, Os D’Abaixo, Deseqilibrio Mental, Os John Derees. No apartado técnico Carlos Gandón, Vituco Neira, Fidel Vázquez, Juan Antepazo, Xurxo Piñeiro, Jose Manuel Piedra. E ás veciñas e veciños de Calo e contorna que traballan para facelo posible.
A plataforma Casalonga Limpa de Residuos, que naceu para canalizar o enfado e a forza de toda a veciñanza, deixa constancia no libro de festas do Carmelo os seus anhelos: “temos a esperanza de ser quen de enfrontarnos aos poderosos e impedir a construción da planta. Si o conseguimos teremos gañado a primeira batalla, mais non a guerra. A guerra so a gañaremos cando a canteira e a súa contorna, sexan quen sexan os propietarios, acompañen as nosas vidas no canto de ameazalas”.
O campo de festas do Carmelo simbolizará este venres 7, igual que o fixo a andaina do 17 de xuño, a unión da poboación que alza a súa voz e a súa música para reivindicar que o seu “é un lugar para vivir, non para residuos!”.