jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Un total de 617 persoas participarán hoxe sábado na Carreira Pedestre Popular de Noia

Un total de 617 persoas participarán hoxe sábado na Carreira Pedestre Popular de Noia
Un total de 617 persoas participarán hoxe sábado na Carreira Pedestre Popular de Noia

As probas darán comezo ás 21:00 horas, con epicentro na Alameda e circuítos adaptados á idade das persoas participantes polo casco antigo 

Un total de 617 persoas tomarán parte hoxe sábado, 1 de setembro, na Carreira Pedestre Popular de Noia, “A nocturna”, que terá lugar a partir das 21:00 horas polas rúas do municipio. Unha proba organizada polo Concello de Noia, en colaboración co Clube Atletismo Noia (CAN), e baixo o control técnico da Delegación de Santiago da Federación Galega de Atletismo. Unha proba que forma parte do VI Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.

O concelleiro de Deportes, Ramón Santos, amósase satisfeito coa participación deste ano pois “estamos sentando as bases coa intención de poder superar o milleiro de participantes nun futuro e porque estamos apostando por un percorrido que nos permita poñer en valor o noso casco histórico”. Unha participación que este ano inclúe a 298 persoas na proba absoluta, de 8 quilómetros, e 319 persoas nas probas escolares.

Horarios e premios

“A Nocturna” arrincará ás 21:00 horas do sábado cos 70 corredores/as da categoría Chupete (cen metros con saída no Palco da Música e chegada a carón do Concello). Dez minutos máis tarde será a quenda dos 86 “Pitufos”, que cubrirán 260 metros pola rúa Rosalía de Castro (fronte ao Concello) para xirar no Palco da Música e baixar cara a meta.

Ás 21:15 horas saíran 98 benxamíns e alevíns, que afrontarán 1 quilómetro saíndo da Alameda en dirección á Porta da Vila cara a Praza das Américas, onde darán volta na rotonda para facer o mesmo percorrido de volta á Alameda. Os 64 infantís, cadetes e xuvenís cubrirán 3 quilómetros ás 21:30 horas, cun percorrido con saída e chegada na Alameda e que percorrerá practicamente toda a vila: casco antigo, praza das Américas, rúa de Galicia...

Os 298 participantes na proba absoluta sairán ás 22:00 horas para percorrer unha distancia de 8 quilómetros, dando dúas voltas a un circuíto de 4 km moi semellante ao realizado polos xuvenís, co engadido dun tramo pola rúa República Arxentina ata o campo de fútbol. Ás 23:15 horas terá lugar a entrega de premios na Alameda.

Os tres primeiros clasificados, masculino e feminina, da proba absoluta recibirán cadanseu trofeo e un premio en metálico de 300, 175 e 125 euros, respectivamente. Tamén recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, salvo os “Chupetes” e “Pitufos”, categoría na que todos os participantes recibirán unha medalla.

Comentarios
Lo más