"Compostela Aberta segue sen poñer solución ao transporte municipal de Santiago"
Para os Populares, o Goberno de Martiño Noriega “non ten respecto polos usuarios e os deixa padecer cada día uns vehículos deteriorados e envellecidos"
O Grupo Municipal Popular denunciou onte “o desleixo do Goberno de Compostela Aberta, que despois de máis de tres anos e a pesar das con distintas chamadas de atención por parte do Grupo que dirixe Agustín Hernández, segue sen poñer solución aos numeroso problemas do transporte municipal de Santiago”.
“Desde hai tempo, os veciños están a sufrir o abandono de este servizo. Hai case un ano, o Partido Popular aprobaba unha proposición na que se pedía que, antes da licitación do novo servizo de transporte, se facilitaran os detalles da súa futura ordenación.”, afirmaron.
Para os Populares, o Goberno de Martiño Noriega “non ten respecto polos usuarios e os deixa padecer cada día uns vehículos deteriorados e envellecidos, carencia de información detallada, algo indispensable e incumprimento de horarios, entre outras situacións”.
O Grupo Municipal Popular afirmaba que “polo de agora, o único que fixo o Grupo de CA foi un mapa no xeoportal do Concello que é totalmente incomprensible para maioría dos veciños é unha ferramenta complexa que carece de aspectos como a simulación dos itinerarios; os tempos de acceso ou os tempos de espera”.
“Cabe lembrar que o contrato para a prestación do servizo remataba en febreiro de 2016, o Goberno de Compostela Aberta decidiu prorrogalo un ano máis, data na que estaba previsto que entrase en vigor o contrato coas novas liñas e con novos autobuses, pero as prórrogas seguiron, chegando sen que entrara en vigor o novo contrato”.
“Comprometéronse que en maio estaría todo, pero ata o de agora nada se sabe, só existe un anuncio de que todo estará preparado para xaneiro de 2019, data que volverán a incumprir, xa que os prazos de posta en marcha fan imposible que leven a cabo o seu compromiso, situación, por outro lado, que é moi normal no Goberno de Martiño Noriega”.
“Neste momento, a flota de autobuses atópase moi deteriorada, cuns vehículos que rexistraron o ano pasado máis de 300 deficiencias”, afirmaron.