Instan ao Tripartito de Ames a "tomar unha decisión sobre o sistema de modelo de recollida do lixo"
"Levar case tres anos esfollando a margarida sen dar traslado á oposición de información relevante, non é precisamente un exemplo de transparencia"
"A finais de 2015 o Concello de Ames e a Mancomunidade Serra do Barbanza mantiveron un pulso que non se sabía moi ben como terminaría. O convenio que unía a Ames coa Mancomunidade durante 10 anos expiraba a finais do 2015 e sobre a mesa estaba tanto a posibilidade de prorrogalo por outros nove anos, como a de que Ames pasase a integrarse na entidade como membro de pleno dereito; pero como a relación entre Ames e a Mancomunidade sempre foran tensas a consecuencia dunha débeda xerada en tempos do alcalde Carlos Fernández (PSOE), pola que a Mancomunidade chegou a pedir á Xunta que lle retivese fondos ao Concello ata saldar a débeda, o Tripartito de Ames evitaba fixar unha postura clara respecto diso".
"Mentres que o Alcalde de Ames aseguraba, a finais do 2015, que seguía pendentes de recibir a información solicitada á Mancomunidade sobre o custo que supoñería ás arcas do Concello integrarse en Serra do Barbanza como membro de pleno dereito, desde a Mancomunidade respondían o Alcalde que toda a información que demandaba sobre as condicións económicas para o seu ingreso na entidade era coñecida dende agosto de 2015", afirmaron membros do Partido Popular.
"A principios de decembro de 2015 o Tripartito de Ames deixaba clara a súa aposta por continuar en Serra do Barbanza, e confirmaba que recibira xa toda a documentación da Mancomunidade referida á liquidación do ano pola xestión do lixo: un dossier bastante amplo que permitía anticipar que, como socio de pleno dereito e maioritario, terían que abonar o 40% dos novos vehículos necesarios. Ademais, tras empezar a estudar os técnicos os datos remitidos, estimábase que a cota de 92.000 euros que se pagaba mensualmente veríase incrementada nun 12% aproximadamente. Por este motivo O Tripartito pediu unha prórroga de seis meses á espera de recibir por escrito a proposta definitiva coa cifra concreta a pagar e tomar, ao longo do 2016 unha decisión definitiva".
Unha vez concedida a Ames prorróga de seis meses solicitada, en abril do 2016 "o Tripartito aínda continuaba estudando as opcións; e así parece estar a situación ata o momento, a pesar de que os veciños seguen padecendo as consecuencias negativa dun servizo moi deficiente. O Tripartito continúa sen decidirse e dilatando a toma dunha decisión".
"Os cálculos económicos que parecían estar claros xa non o están e o Tripartito acorda, en febreiro do 2018, encargar un novo estudo económico sobre o custo que supón para as arcas municipais a prestación do servizo de recollida de lixo mediante formúlaa actual; é dicir, o convenio de prestación de servizos coa Mancomunidade. O obxectivo deste estudo é o de poder comparalo co custo que supoñería enviar o lixo á Planta de Sogama en lugar de mandala á planta de compostaxe de Lousame; o que parece poñer de manifesto que a clara aposta por continuar en Serra do Barbanza non é tal, e agora mantén as súas dúbidas tanto respecto da firma do acordo formal de renovación por nove exercicios máis, como respecto da integración como membro de pleno dereito; por iso, e para despexar todas as incógnitas legais e coñecer as alternativas para regularizar a situación o Tripartito encargou outro informe; neste caso Xurídico".
O Grupo Municipal Popular de Ames considera "que non é crible que o Tripartito leve case todo o mandato esfollando a margarida e que aínda non teña clara cal das dúas opcións é a máis beneficiosa para Ames. Cos datos proporcionados e a información e conclusións dos estudos e informes existentes debe haber elementos de xuízos suficientes para decidir cal das dúas opcións é a máis apropiada, con independencia de que dentro do propio Goberno local haxa posturas enfrontadas respecto ao modelo de xestión do lixo, de aí esa actitude, sendo ese o verdadeiro motivo da indecisión actual que están pagando todas as persoas de Ames tanto no ámbito económico como no deficiente servizo prestado pola mancomunidade. Por iso, e ante o silencio do Tripartito nesta cuestión, o Grupo Popular solicitou información para coñecer o contido da proposta definitiva presentada pola Mancomunidade, o custo das diversas opcións , o estudo económico encargado en febreiro e o informe xurídico".