O Concello de Oroso instala paneis con información turística e de servizo para peregrinos e visitantes
“O impulso do Camiño Inglés e eventos como a Festa da Troita atraen a milleiros de personas a Oroso”, asegurou o concelleiro de Turismo, Antonio Leira
O Concello de Oroso instalou paneis con información turística e de servizo para os milleiros de peregrinos e visitantes que cada ano chegan ao municipio.
Nos paneis, ubicados na zona pola que acceden os peregrinos a Oroso, hai por un lado un mapa do concello, con diferentes direccións de servizo e útiles para os visitantes (farmacias, oficina de correos, centro médico, supermercados, policía, onde comer, etcétera).
Por outra parte, nos paneis hai información turística, cos lugares de interés desde un punto de vista patrimonial, sendeiros, natureza ou artesanía. “A xente que chega a Oroso demanda información e con esta iniciativa queremos mellorar os nosos servizos como concello para os visitantes”, asegura Antonio Leira, concelleiro de Turismo.
A ponte medieval ou o parque de Carboeiro son algún dos lugares de visita recomendados nos paneis, que informa tamén de que quen foi Margery Kempe, a única muller da que se ten constancia que fixo o Camiño Inglés no século XV.
“Nestes últimos anos, grazas ao impulso que tivo o Camiño Inglés e eventos como a Festa da Troita, o número de persoas que visitan Oroso medrou de forma exponencial, polo que estamos na obriga de darlles servizos e amosar que somos un municipio acolledor”, sostén Leira, que agradece a colaboración dos veciños e os establecementos comerciais nesta tarefa.
Esta iniciativa únese a outra xa desenvolvida no pasado, un mapa en papel cos servizos de Sigüeiro para facilitar ao peregrino o acceso aos mesmos. Foi unha demanda dos propietarios dos albergues ao Concello e está distribuído nos propios albergues e noutros lugares de interés (concello, centro cultural, etc).
O Concello de Oroso se amosa desde hai anos moi activo en todo o referente ás peregrinacións, ata o extremo de abrir o único centro de mundo dedicado ao estudo dese sendeiro medieval que procedía da Coruña e Ferrol para rematar en Compostela: o CEICI, Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés.