Música e xogos tradicionais para pedir unha terceira aula de infantil en Allariz
As nais e pais do colexio xa fixera chegar o seu malestar á Delegación Territorial e solicitou que reconsiderase a súa postura e que optara por abrir unha terceira aula que atendera as necesidades dos 51 nenos matriculados
Onte mércores, día 29 de agosto, desde as 19.00 horas da tarde tivo lugar o que presumía ser o derradeiro acto reivindicativo do verán das nais e pais do colexio de Allariz antes da xuntanza solicitada coa Delegación de Educación. Nunha tarde lúdica e chea de humor e música, nenos e maiores desfrutaron de xogos tradicionais, una merenda saudable e as actuacións de Leo Arremecághona e Peter Punk.
Os xardíns do Fogar do Maior en Allariz foron o escenario elixido por este colectivo de proxenitores da vila alaricana para desenvolver a festa que pecha una serie de actos que se sucederon sen parar durante todo o verán. Todo eles cun único fin, a reivindicación dunha terceira aula para 4a de infantil no centro educativo de Allariz. Ao peche do curso pasado, o centro contaba con 51 nenos matriculados polo que Educación contempla introducir a todos os nenos en dúas aulas soamentes. As nais e pais do colexio xa fixera chegar o seu malestar á Delegación Territorial e solicitou que reconsiderase a súa postura e que optara por abrir unha terceira aula que atendera as necesidades dos 51 nenos matriculados e que, deste xeito, se cumprira a ratio máxima permitida pola lei que establece un máximo de 25 alumnos por aula e mestre.
Xogos tradicionais versionados para á ocasión serviron de divertimento a grandes e pequenos. Carteis que rezaban mensaxes como “XOGO DOS SACOS. Corre contra os recortes en Educación”, ou “XOGO DA CORDA. Tira forte por un ensino público de calidade”.
Dun xeito simbólico, os nenos interviron no particular Record Mundial proposto para esta tarde no que se escenificou un xogo das cadeiras no que os nenos se ían quedando sen sitio individual para sentar e varios tiñan que compartir cadeira. “Loita polo teu sitio, polo teu cole”.
O colofón da festa puxérono os artistas Leo Arremecághona e Peter Punk que, de xeito altruista e desinteresado, amenizaron coa súa música e actuacións, tamén de tinte reivindicativa, esta festa que loitaba por tres aulas para os nenos de infantil.
Nais e pais da ANPA, unha boa representaión de mestres do centro e parte do equipo do Concello de Allariz tamén asistiron ao acto. Desde o Concello da vila apoiosuse a iniciativa cedendo o espazo público e os equipos de son para os artistas.
A ANPA do centro atópase agora á espera dunha resposta á solicitude de reunión realizada a pasada semana á Delegación Territorial de Educación na que plantexaban un encontro para o próximo día 3 de setembro onde “pretendemos achegar posturas”, din os pais. “Tan só desexamos que se proporcione a mellor das solucións para os 51 nenos matriculados” afirman.
“Se non recibimos resposta de ninguna clase, temos programado ir a Ourense durante toda a próxima semana e concentrarnos diariamente ás portas da Delegación.” conclúen os pais.