Reclaman un Plan Integral de Saneamento que garanta a rexeneración efectiva da Ría de Noia
En Marea asegura que as dragaxes efectuadas por Portos na Ría de Noia son investimentos meramente electoralistas
En Marea denuncia o insuficiente e ineficaz gasto realizado por Portos de Galicia para sanear a Ría de Noia e reclama unha actuación integral de dragaxe e saneamento que favorezca a recuperación real e efectiva dos espazos productivos para o marisqueo. A vicevoceira da formación, Carmen Santos, e a deputada Paula Quinteiro visitaron este mércores o Peirao do Marqués xunto a Manuel Seijas, da Marea Cidadá de Noia, para comprobar sobre o terreo o estado e necesidades da ría e reclamar a axilización da tramitación dos novos permisos para marisqueo a pé solicitados por 220 persoas para traballar nesa zona.
Carmen Santos e Paula Quinteiro denuncian a ineficacia das actuacións levadas a cabo na Ría de Noia, e reclamarán a posta en marcha dunha actuación integral na que Portos de Galicia e Costas actúen de xeito conxunto para a recuperación de espazos productivos para o marisqueo.
As deputadas de En Marea critican a ineficacia das actuacións impulsadas por Portos de Galicia e denuncian o mal estado en que se atopa a enseada de Noia despois dos 300.000 euros investidos. Santos e Quinteiro rexeitan o novo dragado anunciado, e reclaman unha intervención seria, integral e efectiva.
Paula Quinteiro destaca a ineficaz xestión da Xunta, "que só serve para dar titulares e deixa uns resultados totalmente insuficientes. Volven facer un plan de 300.000 euros que so vai servir para dar propaganda", critica a deputada, que reclama "o cese do malgasto".
Tamén Carmen Santos denuncia a "mala xestión" do Partido Popular e solicita que se atenda de forma integral a demanda histórica que supón a rexeneración da Ría de Noia. A vicevoceira de En Marea lembra ademais que, cando estamos "a piques de comezar a campaña da que dependen milleiros de familias", as 220 persoas que solicitaron permisos para incorporarse ao marisqueo a pé nesta zona aínda non recibieron resposta da Consellería do Mar. Así as cousas, Santos insta ao departamento que dirixe Rosa Quintana a actuar con rapidez e dilixencia para que estes traballadores poidan iniciar a campaña que arrincará o 10 de setembro en data. A deputada de En Marea lembra o acontecido en 2015, cando arredor de 500 persoas se virou na obriga de recorrer ás medidas de presión "para que lles permitisen ir traballar", e lamenta que, novamente, o departamento que dirixe Rosa Quintana incumpra a lei ao exceder os tres meses na tramitación dos novos PERMEX.