Denuncian o mal estado dos semáforos do Malecón
Os nacionalistas critican que o desleixo do PP provoca inseguridade viaria
Desde hai uns anos, o tráfico que atravesa a avenida do Malecón está regulado mediante semáforos ao longo de todo o percorrido. O feito de que haxa semáforos é positivo, segundo explican desde o BNG, porque aumenta a seguridade viaria, tanto para vehículos como para as e os viandantes. Ademais contribúe a evitar atascos.
Porén, a concelleira Elvira Blanco Pérez denuncia “unha vez máis a falta de mantemento brilla pola súa ausencia e non é inusual ver partes dos semáforos amarradas por cinta adhesiva ou fitas de plástico para evitar que se desprendan”. Para a nacionalista o PP abandona as súas obrigas de manter en bo estado estes elementos, aumentando o riscos innecesarios como o de atropelos.
Facéndose eco das queixas veciñais, o Bloque presentou unha iniciativa no Concello de Ribeira para que o goberno de Ruiz Rivas faga o seu traballo e arranxe os semáforos que se atopan en mal estado, co fin de que tanto vehículos como peóns teñan máis seguridade á hora de circular polo Malecón.