O Concello de Ames recibe aos 7 nenos saharauís que están pasando o verán en Ames
Neste acto tamén participaron as familias amesás que está acollendo a estes nenos e nenas, así como Esther Ibarra, representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí
Alien, Jadiya, Aicha, Jalil, Ensaha, Brahim e Hassana son os 4 nenos e 3 nenas que están pasando as vacacións de verán con familias de Ames dende comezos de xullo. Esta mañá participaron nunha recepción oficial que lles fixo o Concello de Ames. Deste xeito, foron recibidos polo alcalde de Ames, José Miñones, pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, así como outros membros do goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e de Ames Novo.
Neste acto tamén participaron as familias amesás que está acollendo a estes nenos e nenas, así como Esther Ibarra, representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Á recepción acudiu tamén Alina, unha nena rusa de Chernóbil, que pasa o verán cunha familia de Ames desde hai cinco anos. Esta nena tamén estivo acompañada da súa familia de acollida.
Os 7 rapaces e rapazas estarán en Ames ata o vindeiro 6 de setembro. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos rapaces e rapazas saharauís en Ames. A Administración local encárgase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada rapaz/a.
Intercambio de experiencias e anécdotas
Este acto, que normalmente se realiza cada verán, serve para intercambiar experiencias e coñecer como foi a estadía destes nenos e nenas en Ames. Os rapaces e rapazas dixeron que lles gustaba moito Galicia, sobre todo as súas praias e a súa gastronomía. Tamén indicaron que lles encanta ir a piscina. Como anécdota a familia que acolle a Brahim dixo é que é un experto construtor de jaimas e que o demostrou na praia construíndo varias jaimas con cañas e toallas. A nena rusa de Chernóbil, Alina, tamén tivo unha pequena queixa para o Concello, xa que ao ter 14 anos este ano non puido participar nos lúdicos de verán, algo que segundo dixo lle gustaba moito.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, comezou agradecéndolle aos nenos/as e as súas familias de acollida o que están facendo, sobre todo estas últimas, polo efecto chamada que a súa experiencia supón para outras familias. Salientou o importante da función das familias de acollida, sobre todo tendo en conta o complicado que é atopar novas familias dispostas a acoller. Tamén quixo agradecer o traballo da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e da súa representante na comarca, Esther Ibarra.
O alcalde, José Miñones, recalcou “o Concello de Ames é un concello moi solidario, non só polo voluntariado que se leva a cabo, tamén no seu día a día”. Para rematar o acto, fixo fincapé en que buscar familias sempre é difícil, polo que aproveitou para pedirlle ás familias presentes “que trasladen a súa experiencia a outras familias sobre o programa de acollida”, posto que a súa experiencia directa, “que en máis do 90% dos casos é positiva” pode animar a outras persoas mellor que calquera outro chamamento.