Os Populares queren deixar clara a "ineficacia na xestión" do Goberno local nos quioscos abandonados da cidade
"O Concello ten que dar os pasos necesarios para regularizar a situación destas instalacións, recuperando a súa titularidade e abrindo un proceso para a súa concesión, primando o aspecto social”
O Grupo Municipal do Partido Popular reitera “a ineficacia na xestión do Goberno de Compostela Aberta en calquera asunto que afecte á cidade, xa sexa un problema de grandes dimensións, como pode ser a falta de transparencia ou a redacción do Plan Especial do Casco Histórico, entre outros, como os debería resultar máis doados, como a situación dos catro quioscos pechados en Santiago”.
Lembra o grupo que dirixe Agustín Hernández que “estas instalacións, situadas na, Alameda, avenida Xoán XXIII, praza de Vigo e rúa Bernardo Barreiro Vázquez Varela, levan varios anos sen actividade e abandonados, dando unha imaxe deplorable e de abandono das zonas onde están ubicados, posto que só valen de soporte dos carteis máis variopintos”.
Os Populares queren subliñar que “foi o propio Martiño Noriega o que anunciou que se faría cargo de arranxar este asunto, pero pasados os anos e cun último compromiso a finais de 2017, no que aseguraba que a principios deste mesmo ano o tema estaría resolto, a realidade nos presenta que, unha vez máis, Compostela Aberta non é quen de resolver nin o asunto dos quioscos, nin o das pistas de pádel, nin os problemas de convivencia, nin nada de nada”.
“Tal é como se comprometeu o propio Noriega, o Concello ten que dar os pasos necesarios para regularizar a situación destas instalacións, recuperando a súa titularidade e abrindo un proceso para a súa concesión, primando o aspecto social e habería que estudar si é posible incrementar as posibilidades de negocio que faga viable a súa explotación”.