Dúas persoas excarceradas en Abegondo tras producirse un choque frontal entre dous turismos
O accidente ocorreu pasados uns minutos das 23:30 horas desta noite
Un choque frontal entre dous turismos deixa tres feridos, dous deles atrapados, no termo municipal coruñés de Abegondo.
O accidente ocorreu pasados uns minutos das 23:30 horas desta noite. A esa hora, un particular alertaba ao 112 Galicia dun choque frontal, en Montouto, na AC-542 que une Betanzos e Mesón do Vento. No seu relato indicaba que había feridos e posiblemente atrapados.
Así, con estes datos, dende o 112 pasouse axiña aviso ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Ordes. Tamén, solicitouse a colaboración dos axentes de Tráfico e de Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a excarceración de dúas persoas, condutor e acompañante dun dos turismos implicados. Para o condutor do outro vehículo, aínda que tamén resultou ferido non foi preciso o uso do material de excarceración.
Os tres feridos foron trasladados polos servizos sanitarios de urxencia ao centro hospitalario de referencia.