Falece un home e quince persoas resultan feridas nunha colisión en Bóveda
O accidente tivo lugar no punto quilométrico 40,800 da CG-2.2, ao fío das 08:00 horas
Un home faleceu esta mañá e quince persoas resultaron feridas nunha colisión ocorrida en Bóveda na que se viron implicados un microbús e un coche.
Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o varón falecido era o único ocupante do turismo accidentado e tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Sarria, ao quedar atrapado no interior do vehículo.
Por outra banda, as quince persoas feridas viaxaban no microbús e foron trasladadas a distintos centros médicos, unha delas nun helicóptero medicalizado. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, no microbús ían un total de dezaoito persoas.
O accidente tivo lugar no punto quilométrico 40,800 da CG-2.2, ao fío das 08:00 horas. Nese momento, varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para dar conta do sinistro.
Acto seguido, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Sarria e Monforte, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil de Sarria e do servizo de mantemento da vía.
Ademais, dende o CIAE 112 Galicia se informou dos feitos ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE)