Os nenos da Escola de Verán visitaron o Pazo da Peregrina
O programa de conciliación Escola de Verán está dirixido a nenas e nenos do segundo ciclo de Infantil e de Educación Primaria
Os monitores e e os nenos da Escola de Verán aproveitaron o bo tempo de toda a semana para acudir a zonas próximas aos colexios onde poder facer actividades relacionadas co tema que se está a tratar durante esta quincena: o aire.
Ademais, as elevadas temperaturas permitiron aos pequenos e pequenas gozar da piscina nesta última quincena do programa. Os rapaces e rapazas achegáronse aos xardíns do Pazo da Peregrina.
Ao longo da mañá, os cativos e cativas aproveitaron para percorrer todos os recunchos verdes, así como para xogar coa cometa que elaboraron eles mesmos durante os días anteriores na escola. Tamén tiveron ocasión de participar en xogos colectivos e actividades relacionadas co aire e as enerxías renovables. No que vai de quincena, os raparigos xa elaboraron paracaídas, muíños, avións e cometas con material de refugallo, ao tempo que realizaron xogos de distensión, speak and play, xogos na natureza, xogos cooperativos, diverciencia e moitas alternativas para gozar dun verán diferente.
Para finalizar esta última quincena da Escola de Verán 2018, levarase a cabo un obradoiro de cociña, onde se cociñarán todos os aperitivos que se degustarán na festa final que pechará esta edición. Entre as receitas que se elaboraron ao final das outras quincenas, houbo xeados, pizza e cupcakes.
En canto ao documental Alerta Ames!, realizado polo alumnado dende o comezo desta edición da Escola de Verán, estará dispoñible na web da escola ao final do programa, en canto remate o proceso de edición.
O programa de conciliación Escola de Verán está dirixido a nenas e nenos do segundo ciclo de Infantil e de Educación Primaria. Mediante este servizo, que se desenvolve ao longo dos meses de xullo e agosto, o Concello de Ames busca facilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar.