'Cinema Crianza' volve nunha nova edición que quere romper récords
A convocatoria está dirixida tanto a curtametraxes como a películas de longametraxe, e poden pertencer aos xéneros de ficción, documental ou animación, sempre que se dirixan a un público infantil
O Festival Cinema Crianza, organizado polo Concello de Ames co apoio da Deputación da Coruña, nace no ano 2017 como o primeiro festival internacional de cine infantil en Galicia. O seu obxectivo é reivindicar o audiovisual como ferramenta pedagóxica ao tempo que busca promover o gusto polo cinema entre os máis cativos e contribuír á formación dun público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.
Logo do éxito acadado na pasada edición, na que se proxectaron 70 pezas finalistas de entre as 2500 propostas procedentes de todo o mundo, o concurso está aberto a películas de todas as procedencias co obxectivo de garantir unha programación diversa e intercultural, que amose a actualidade da produción cinematográfica de ámbito infantil e reflicta o mundo da infancia dende unha óptica global.
A convocatoria está dirixida tanto a curtametraxes como a películas de longametraxe, e poden pertencer aos xéneros de ficción, documental ou animación, sempre que se dirixan a un público infantil.
Asemade, as curtametraxes seleccionadas que competirán no concurso dividiranse nas categorías ‘Axóuxeres’, na que entrarán todas aquelas orientadas a cativos de 0 a 3 anos con duración máxima de 10 minutos; e ‘Buxainas’, formada polas obras de menos de 25 minutos dirixidas a nenos e nenas maiores de 3 anos. Estas obras finalistas poderán optar a dous premios de 500€, en función do rango de idade ao que vaian dirixidas.
Tamén haberá diversas sesións fóra de concurso completando o programa, nas que se proxectarán longametraxes dirixidas a público infantil que recibirán unha taxa única de 250€ pola súa exhibición no Festival.