miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Ames quere poñer en valor Ponte Cabirta no río Sar

Ames quere poñer en valor Ponte Cabirta no río Sar
Ames quere poñer en valor Ponte Cabirta no río Sar

O acondicioniamento e posta en valor da Ponte Cabirta fíxose dende as dúas marxes do río Sar con traballos que consistiron na sinalización do acceso e o acondicionamento dunha antiga calzada que existía neste lugar

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, responsable de patrimonio, ven de manter unha xuntanza con técnicos municipais e o enxeñeiro de camiños Manuel Durán, especializado na recuperación de pontes históricas, coa finalidade de redactar o proxecto de protección e consolidación da Ponte Cabirta.

No encontro acordouse solicitar o cofinanciamento da Deputación da Coruña para realizar as actuacións urxentes de protección e consolidación por un importe máximo de 36.000 euros, para o cal o concello de Ames debe achegar o proxecto técnico correspondente.

Xa no pasado mes de marzo, técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia visitaban a Ponte Cabirta, acompañados do concelleiro David Santomil, na cal se realizaran anteriormente traballos de limpeza na ponte e a calzada empedrada. 

O acondicioniamento e posta en valor da Ponte Cabirta fíxose dende as dúas marxes do río Sar (dende Costoia e dende o Catro de Miras) con traballos que consistiron na sinalización do acceso e o acondicionamento dunha antiga calzada que existía neste lugar, ao mesmo tempo que dende o departamento de Medio Ambiente retiraban unha grande cantidade de troncos retidos na ponte que poñía en perigo a integridade da mesma. Para iso, contaron coa colaboración dos veciños e veciñas deste lugar.

Porén, o Concello vai tramitar a figura de planeamento urbanístico que permita a súa protección a través da súa inclusión no PXOM. O documento que se elabore deberá recoller a súa correcta identificación e localización, identificar aqueles elementos e aspectos propios do ben que caractericen o seu valor culural e avaliar o seu estado de conservación.

Entorno da Ponte Cabirta

A ponte Cabirta está construída aproveitando un afloramento rochoso, que lle serviu como soporte xunto coa arcada de 1/4 de punto que aínda se conserva. Este afloramento orixina unha gran fervenza descoñecida para a maioría dos veciños da comarca que tan só perciben a parte mas desagradable do Sar. Así, dende o Concello quérese amosar o potencial que este río ten, aínda que está tan maltratado pola contaminación da auga.

Este entorno natural da ponte Cabirta é especialmente importante debido á antigüidade das carballeiras que existes nos seus arredores, como de outras árbores que foron localizadas polo persoal desta brigada como son un freixo, un salgueiro e un loureiro, que se están estudando para tramitar a súa inclusión no catálogo de árbores senlleiras da Xunta de Galicia. De feito, o devandito freixo, que conta cunha altura de 34,5 metros e un diámetro de 3 metros, xa está confirmada que pode ser incluído en dito catalogo, mentres que o salgueiro e o loureiro está en fase de estudo.

Reparación na ponte histórica de Augapesada

De xeito paralelo ás xestións para a mellora da Ponte Cabirta, encargouse a recolocación dun petril da ponte histórica de Augapesada no Camiño de Fisterra. Con esta actuación, á que se suma a limpeza realizada anualmente na Ponte Maceira, o goberno municipal de Ames vén desenvolvendo traballos para recuperar e protexer as principais pontes históricas do concello (Ponte Cabirta, Ponte Maceira e Ponte de Augapesada) a través do departamento de Patrimonio Cultural. 

Comentarios
Lo más